Os clubs galegos de 'pool' ratifícanse en Turquía como os mellores de Europa

Álvaro Lama-Pereira, María Teresa Ropero e Juan Carlos Expósito no Campionato de Europa en Turquía. (Foto: EPBF European Pool Championship)
O billar ou ‘pool’ galego reina en Europa. As vitorias no europeo de Antalya (Turquía) de Juan Carlos Expósito (CB Val Miñor Pool) en absoluto B8, a medalla de prata de María Teresa Ropero García (CB La Tronera) en feminino B8 e de ouro de Álvaro Lama-Pereira (CB Teo) en Sub-23 B9 certifican esta afirmación. 

A progresión do billar na Galiza vai parella ao interese pola súa modalidade máis popular: o ‘pool’ ou billar americano. O recentemente rematado campionato de Europa, decorrido na cidade turca de Antalya entre o 28 de febreiro e o 10 de marzo, evidenciou que este deporte non deixará de dar alegrías aos clubs galegos. "Contaba cunha boa clasificación mais non con este resultado nun mesmo campionato", recoñece a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Billar (FGB), Mateo Alonso. Non era para menos, logo de saber que tres representantes de clubs galegos alcanzaban o podio.

Así, quedaban campións Juan Carlos Expósito (CB Val Miñor) en absoluto B8 e Álvaro Lama-Pereira (CB Teo) en Sub-23. Ademais, no feminino B8, Mayte Ropero García (CB La Tronera) quedaba ás portas e conseguía o subcampionato. "Non é fácil que se dea esta circunstancia, as medallas demostran que seguen na elite e, ademais, nun bo momento", opina o responsábel da federación.

A elite nos clubs

Con humildade e traballo, os clubs galegos están a conseguir  elevar o nivel do billar. Unha destas entidades é o CB Val Miñor Pool, unha entidade  que naceu en 2023 froito da paixón por este deporte dun pequeno grupo de amigos. O que comezou con apenas oito xogadores e unha soa mesa de nove pés (2,7 metros) experimentou un crecemento notábel en moi pouco tempo. Actualmente o club conta con perto de 30 socios e unhas instalacións que inclúen catro mesas de nove pés, dúas de sete pés (2,1 metros) e unha mesa de snooker (de 12 pés ou 3,66 metros).

O seu presidente, Luis Maciel, explica a Nós Diario que unha gran parte do apoio chega por parte dos socios e das socias. "En concreto de Juan Carlos Expósito que, malia non vivir aquí nin ser galego, vive en Asturias, quixo pertencer a este club e botarnos unha man agora que estamos comezando", admite. "Por este motivo representa o club alá onde vai", agrega.

Un caso diferente é o de Mayte Ropero, do CN La Tronera, radicado en Calo, Teo (comarca de Compostela). Naceu en Mallorca mais vive en Santiago desde 2012. Viviu o billar desde nena e con só 14 anos xa conseguiu gañar o Campionato do Estado español na modalidade de Pool. Nos últimos anos, dedicada exclusivamente a este deporte, gañou numerosos torneos e campionatos. O ano pasado, por exemplo  conseguiu outro subcampionato de Europa e un quinto posto no Mundial por equipos mixtos.

Álvaro Lama-Pereira e o CB Teo

Un caso especial é o de Álvaro Lama-Pereira. En Turquía conseguiu estar no alto do podio en Sub-23 e o seu nome está ligado ao CB Teo e á figura de Adrián Trillo. A entidade fundouse ao redor de 2000, segundo explica a Nós Diario Enrique Rodríguez, xogador e membro da directiva.  "Comezamos nun baixo de obra e non foi nada fácil, mesmo estivemos a piques de desaparecer", indica. "En 2016 chegou Álvaro e coincidiu coa reactivación do club e os éxitos que viñeron despois", engade.

Da continuidade até levalo a onde está hoxe ten moita responsabilidade Adrián Trillo, un referente do billar na Galiza e responsábel do Campionato Galego que organiza a entidade e mesmo o presidente da Federación confirmou a Nós Diario que no que ten a ver coas probas oficiais "delegamos sempre nel e no club".

Nesta entidade aterrou Álvaro Lama-Pereira que, aínda desde Turquía e vía telefónica, relata a Nós Diario como comezou. "Empecei vendo o billar pola televisión e un amigo meu tiña unha mesa de billar de xoguete na súa casa coa que eu xogaba bastante", lembra. Co tempo o seu interese medrou e un día, co seu pai, buscou un sitio onde poder xogar ao billar. "Atopamos un club moi perto da casa. Fomos un día para visitalo e fixémonos socios para poder xogar", recorda. "Ao principio só ía as fins de semana para xogar e despois empecei a ir case todos os días", engade. Recoñece que foi alí "onde me ensinaron a xogar. Levo nel desde os 10 anos e agora mesmo teño 19".

Para chegar ao nivel que ten na actualidade tenta adestrar todos os días sobre 2 ou 3 horas excepto dous que dá clases de billar e algunhas fins de semana que está coa familia ou de competición. Alén de prepararse, tamén é quen de preparar a outras persoas para que sigan o seu camiño. “Estou con clases para nenos e nenas mais tamén para adultos. Estamos a crear unha canteira moi boa”, asegura. O profesor titular é Adrián Trillo “que tamén é o meu mestre e xunto con outro mozo do club, Xan Rubira, axudamos a dar as clases”, clarifica a Nós Diario.

Chegar ao máis alto de Europa non é algo que pase todo os días. "Para min este título é unha recompensa ao traballo diario e á disciplina, porque sen iso ninguén chega a algo", pensa Lama-Pereira. Neste momento non se esquece da súa familia e do apoio que lle deron todos estes anos. "Sobre todo, quero  dar as grazas aos meus pais, á miña familia, á xente do club, aos meus amigos Pelayo Cueli e Álvaro Canóniga, así como a  Trillo e a Adriana, persoas que sen ser a miña familia, estiveron a me apoiar nos meus momentos máis difíciles". Sen moito máis tempo para o descanso nin para estar coa familia, Álvaro Lama-Pereira estará esta fin de semana, 21 e 22 de marzo, competindo na Copa de España Absoluta de Pool Bola 10 que decorrerá na cidade de Oviedo (Asturias).

O 'pool', un deporte en auxe que cada vez chega a máis xente na Galiza 

O ‘pool’ ou billar americano está na Galiza no seu mellor momento. Do seu auxe dan conta os 23 clubs que o practican, entre os que figuran como máis sinalados o CB Teo, o CB Manhattan, o CB Rías Baixas, o CB Adai, a Academia Poolroom e CB Xove. Son estas mesmas entidades as que realizan as probas dos circuítos galegos das categorías absoluta, feminina e júnior.

"Das aproximadamente 1.500 licenzas que temos na actualidade, hai que dicir que 90% pertencen exclusivamente a practicantes de billar americano", explica a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Billar, Mateo Alonso. Estas cifras explicarían por si mesmas o bo momento que ten esta modalidade de billar na Galiza "xa desde hai algúns anos", como reitera Alonso. Por este motivo, o responsábel federativo cre que agora mesmo "temos os mellores deportistas do Estado español e tamén as mellores entidades que se dedican á promoción do billar para todas as idades". Alonso non deixa de repetir que o que pasou esta semana no Europeo de Turquía "é algo extraordinario, non é fácil estar en tres podios nun mesmo campionato e o mesmo ano". Para o responsábel da Federación a explicación está "no gran nivel que temos, estamos na elite".

Para o futuro, Mateo Alonso tamén augura máis trofeos "polo gran traballo de base que están a desenvolver os clubs galegos". Pon como exemplo o CB Teo ao que confiou a realización do Campionato Galego. "Teño plena confianza neles e en como foron medrando todos estes anos, foi toda unha sorte para o noso deporte", recoñece en declaracións a Nós Diario