Claudio Giráldez ten media ducia de 'pretendentes' en Europa

Claudio Giráldez dando instrucións aos seus xogadores no partido ante o Sevilla da pasada segunda feira, con vitoria celeste (0-1). (Foto: AFP7 / Europa Press)
O bo momento do Celta non está a pasar desapercibido en Europa. Nos últimos dous anos o conxunto vigués non parou de mellorar e iso colocou moitos dos seus xogadores no radar de grandes equipos. Pero non só a eles: até media ducia de clubs teñen apuntado o nome de Claudio Giráldez para o futuro. O técnico quere seguir no Celta e ao rematar a tempada falarán sobre a súa renovación.

O vindeiro mes de marzo faranse dous anos da chegada de Claudio Giráldez ao primeiro equipo do Celta. Cando apareceu no banco, os vigueses roldaban os postos de descenso despois de que non funcionase o proxecto con Rafa Benítez. Esa mesma tempada, o do Porriño conseguiu a permanencia de maneira máis ou menos tranquila e na seguinte, que foi a pasada, levou os celestes a clasificarse para a Europa League. No presente exercicio, e tras rematar a primeira volta da Liga, o Celta vai sétimo na táboa ligueira e ten plenas opcións de clasificarse para as eliminatorias da competición europea. E este nivel non pasa desapercibido no fútbol europeo.

Son varios os xogadores que se revalorizaron nos últimos tempos no conxunto galego. Malia ter que facer vendas millonarias, na Sede están tranquilos porque saben que aumentou a valoración da súa plantilla. Pero non só a dos futbolistas. Os resultados e a forma de conseguilos tamén dispararon a cotización de Giráldez, que ten contrato até xuño de 2027 e nada indica que non cumprirá, como mínimo, esa data como adestrador en Vigo.

Un equipo italiano mostrou interese no porriñés, moi valorado tamén en Portugal

Con todo, moitos equipos teñen anotado o seu nome para o futuro, sobre todo polo perfil dinámico que ten o porriñés. A súa xuventude -aínda ten 37 anos- convérteo nun perfil moi atractivo. Ademais, soubo adaptarse ás necesidades do seu equipo, cambiando o estilo para facer un Celta máis forte, que pasou de encaixar moitos goles a ser unha das defensas máis sólidas do fútbol estatal. Por iso, moitas secretarías técnicas en Europa seguen de perto a súa evolución e preguntan sobre as súas intencións de futuro.

No pasado, ESPN revelou que o Bayer Leverkusen o tivo na súa terna final para elixir o recambio de Erik ten Hag, despedido ao principio da presente tempada. En Alemaña teñen un bo recordo de Xabi Alonso e ven moitas similitudes entre o xa ex adestrador do Real Madrid e o actual técnico do Celta. Pero non é o único equipo da Bundesliga que o segue. Outros como o Wolfsburg tamén están pendentes do seu futuro.

Mais non fai falta irse tan lonxe para buscar equipos que ven a Giráldez como un candidato ideal para os seus respectivos bancos. Na liga española, polo menos dous clubs téñeno nas súas axendas por se teñen un cambio de adestrador a medio prazo. Un deles é o Betis. Manuel Pellegrini, un dos mellores técnicos que tiveron na súa historia, rematará contrato en 2027 despois da súa última renovación. Aos seus 72 anos, en Sevilla teñen dúbidas sobre cando porá fin á súa etapa profesional e ven o adestrador do Porriño como un posíbel sucesor que encaixa á perfección na proposta futbolística que queren ter no Benito Villamarín. Os dous contratos rematarán o mesmo día.

Outro equipo ao que lle gusta moito o perfil de Giráldez é o Villarreal. En Castellón están moi contentos con Marcelino e as partes están a falar sobre unha posíbel renovación do seu contrato, que rematará en cinco meses. Con todo, o forte carácter do asturiano fai que o seu futuro non estea asegurado a longo prazo, e nas oficinas da Cerámica manexan alternativas entre as que aparece o técnico do Celta. En ambos os casos, o feito de que coñeza a Liga é un punto a seu favor.

A curto prazo, o futuro de Giráldez pasa por Vigo

Non son os únicos. Segundo puido saber Nós Diario, hai un equipo da Serie A que mostrou interese polo adestrador do Celta, que tamén é moi valorado entre os grandes equipos de Portugal. Os tres téñeno nas súas axendas, aínda que non todos na mesma posición nin coas mesmas urxencias. No país veciño, os adestradores están na corda bamba en calquera mala racha e por iso é habitual que estean preparados de antemán.

Final de tempada

A curto prazo, o futuro de Claudio Giráldez pasa por Vigo. Ten contrato até 2027 e nin el nin o club están a pensar noutra cousa que non sexa cumprilo. De feito, nos últimos meses negociaron romper certas cláusulas para que puidese rescindirse ao remate da presente tempada. Esas conversas remataron cunha mellora de contrato para todo o corpo técnico que acompaña ao porriñés desde que chegou ao primeiro equipo. El mesmo freou as especulacións cando o seu nome se relacionou co do Bayer Leverkusen: "[Quero] Tranquilizar á xente, porque eu estou onde quero estar. O club sábeo, e en maio fun eu quen falei coa presidenta e o director deportivo coa intención de ampliar a miña vinculación co club máis alá de 2027, que é o que temos comprometido. O outro son comentarios que non saen de min e pouco teño que dicir", comentara daquela o adestrador.

O Celta ten previsto falar de futuro con Giráldez unha vez remate a tempada ou, se o equipo queda sen obxectivos deportivos, xa no mes de maio. A idea é sentar as bases do futuro do club e negociar unha nova renovación co adestrador que, en todo caso, non apunta a ser de longa duración, senón dunha ou dúas temporadas máis. Ambas as partes están cómodas con contratos máis ben curtos, que se poidan ir manexando no tempo. Se nada cambia, ao longo de 2026 asinarase a súa continuidade para que siga liderando o proxecto do equipo vigués e, con iso, espantar a posíbeis clubs que o queiran fichar.