O Celta viaxa con 26 xogadores a Alemaña para unha xira na que recupera Iago Aspas

Carlos Dominguez, co balón, fronte a Ilaix Moriba nun adestramento nas instalacións do Celta en Mos. (Foto: Celta)
Manu Sánchez pon rumbo ao Levante e Unai Núñez, ao Hellas Verona, ambos os dous cedidos.

O Celta abriu esta sexta feira as súas redes sociais lembrando a simbólica data do Día da Patria Galega. "Levaremos e defenderemos sempre co maior dos orgullos as túas cores, a túa fala, a túa cultura e a túa identidade. Sempre hei estar aquí. Feliz 25 de xullo", indicou o club. Ademais, a entidade que preside Marián Mouriño preparou un percorrido especial polas súas intalacións para pór en valor "o papel do Celta como embaixador da Galiza desde a súa fundación até hoxe". A iniciativa, que continuará tamén hoxe, esgotou as entradas horas despois de que se anunciase.  

No ámbito deportivo, o equipo que dirixe Claudio Giráldez xogará hoxe o seu cuarto partido da pretempada, desta vez en Alemaña ante o VfB Stuttgart (Stadion Kreuzeiche, Reutlingen; 15.30 horas). O histórico club alemán fundado en 1893, milita na actualidade na Bundesliga. Cunha traxectoria cargada de éxitos, o conxunto xermano conta no seu palmarés con cinco títulos de Liga, catro Copas de Alemaña e unha Supercopa, entre outros logros.

Ademais, do mesmo modo que o RC Celta, o Stuttgart aposta por unha canteira activa e unha filosofía de traballo con novos talentos. Aínda así, entre as novidades do club alemán está a fichaxe do canteirán do Real Madrid Chema Andrés, que chegou traspasado con opción de compra.

Para este encontro, e para o seguinte ante o Grasshopper o 29 de xullo (GC Campus, 15 horas), o técnico porriñés deu a coñecer a lista de xogadores convocados, na que estarán como porteiros Iván Villar, Ionut Radu e Marc Vidal; na defensa, Carl Starfelt, Óscar Mingueza, Sergio Carreira, Javi Rueda, Marcos Alonso, Mihailo Ristic, Carlos Domínguez, Manu Fernández, Yoel Lago, Tincho Conde e Javi Rodríguez; no centro do campo, Ilaix Moriba, Fran Beltrán, Damián Rodríguez, Hugo Sotelo e Miguel Román, e na liña de ataque, Ferran Jutglà, Pablo Durán, Williot Swedberg, Hugo Álvarez, Hugo González, Jones El-Abdellaoui e Iago Aspas, quen esta sexta feira mesmo recibiu a alta médica.

Manu Sánchez e Unai Núñez saen cedidos

O club celeste anunciou esta sexta feira que chegou a un acordo co Levante UD para a cesión con opción de compra de Manu Sánchez. Desta maneira, o lateral madrileño afrontará un novo reto co equipo granota, que esta tempada competirá na Primeira División. Sánchez xogou 28 partidos oficiais coa camiseta celeste. A tempada pasada, cedido, continuou a súa progresión no Deportivo Alavés.

Tamén se confirmou o que era un segredo a voces, a marcha de Unai Núñez, quen tras dúas tempadas en Vigo saíu cedido o curso pasado de volta ao Athletic Club. Agora probará sorte, na mesma condición, no Hellas Verona da Serie A italiana.