A Xunta de Accionistas do Celta aproba os orzamentos, que ascenden a 107 millóns de euros

Marián Mouriño presidiu esta cuarta feira a Xunta de Accionistas. (Foto: RC Celta)
"Queremos máis, queremos crecer, un Celta máis forte, cunha canteira máis frutífera e produtiva", dixo a presidenta, Marián Mouriño.

A Xunta Xeral de Accionistas do Celta, na que estiveron representadas un total de 280.956 accións –case 75% do capital social do club–, deu esta cuarta feira o visto e prace, con 99,94% de votos favorábeis, ás contas do club presentadas pola directiva e que contemplan un orzamento de 107 millóns de euros para a vindeira tempada. Unha cifra resultante da suma dos 34 millóns de euros que necesita  formalizar o club por vendas antes do feche do exercicio o próximo 30 de xuño e os 73 millóns previstos en ingresos. O Celta calcula 4% de incremento na súa cifra de negocio por recadación de entradas e abonos –2,4 millóns– e mercadotecnia (1,8).

En todo caso, as contas a contas que se someteron á aprobación da asemblea rexistraban números vermellos por segunda tempada consecutiva. Reflicten, en concreto, unhas perdas de 7,5 millóns de euros, derivadas do pagamento das indemnizacións polos despedimentos do ex adestrador Rafa Benítez e do asesor deportivo externo Luis Campos, e súmanse aos 13,3 millóns de exercicio negativo que se acumulan desde a tempada precedente.

Outro punto da orde do día da Xunta que decorreu esta cuarta feira, e que ratificaron as e os accionistas celestes, foi o acordo de fusión coa Unión Deportiva Mos que deu orixe ás Celtas, o seu primeiro proxecto de fútbol feminino.

Porén, os resultados económicos negativos nestas dúas tempadas non sumen na preocupación ao accionariado do club celeste. O Celta mantén unha situación económica saudábel grazas aos 62 millóns de patrimonio neto.

Ademais, para aumentar a súa cifra de negocio, o club elaborou un plan quinquenal do que forma parte importante o proxecto GS360 e co que confía en non ter que depender cada tempada de vendas millonarias para mellorar as súas contas. "Queremos máis, queremos crecer, un Celta máis forte, cunha canteira máis frutífera e produtiva", dixo a presidenta, Marián Mouriño.