O Celta retoma o seu soño europeo: horario do sorteo e posíbeis rivais na Europa League
Os de Claudio Giráldez coñecerán esta sexta feira os seus contrincantes na competición continental.
Pouco falta para que se coñezan os rivais do Celta na UEFA Europa League. E é que esta sexta feira decorrerá no Grimaldi Forum de Mónaco o sorteo da primeira fase da competición, nun día no que as siareiras e os siareiros celtistas dan comezo ao seu ansiado soño: "voltar a Europa".
A partir das 13 horas, nun evento que se poderá seguir en directo, sairán de catro bombos os contrincantes dos de Claudio Giráldez na súa travesía continental. O Celta enfrontarase a oito equipos disputando catro partidos en Balaídos e outros catro fóra.
Entre os posíbeis rivais dos celestes figuran equipos como o Porto ou o Braga —que serían os desprazamentos máis curtos para os de Vigo—, o Maccabi Tel Aviv, o Aston Villa de Birmingham, o Celtic de Glasgow, o AS Roma, o Lyon, o Malmö ou o grego Panathinaikos.
Mais como é o sistema do sorteo?
Os 36 clubs clasificados divídense en catro bombos de nove clubs, ordenados en función da clasificación por coeficiente de equipos estabelecida ao comezo da temporada —os que teñen a puntuación máis alta están no Grupo 1, e os que a teñen máis baixa, no Grupo 4, caso do Celta—.
Os rivais de cada equipo, así como se cada partido se xoga na casa ou fóra, determínanse mediante sorteo. Cada club queda emparellado con dous rivais de cada un dos catro bombos e xoga contra un rival de cada bombo na casa e contra o outro fóra.
De entrada, os equipos dunha mesma federación non poden enfrontarse entre si nesta fase. Ademais, cada club pode xogar contra un máximo de dous equipos de calquera outra federación diferente á súa. Así, o Celta non poderá enfrontarse ao Betis nesta fase, aínda que os de Sevilla estean na mesma federación.
No sorteo —que poderá ser dixital— elixirase aleatoriamente un equipo do bombo 1 e os seus oito opoñentes: dous de cada bombo por orde, incluíndo para cada opoñente se se xoga na casa ou fóra.
O mesmo procedemento repítese para todos os equipos restantes do bombo 1, seguido de todos os equipos dos bombos restantes, tendo en conta os rivais que xa foron sorteados.
O calendario
Coñécense xa as datas en que decorrerán as oito xornadas da fase de liga da competición:
- Xornada 1: 24 e 25 de setembro
- Xornada 2: 2 de outubro
- Xornada 3: 23 de outubro
- Xornada 4: 6 de novembro
- Xornada 5: 27 de novembro
- Xornada 6: 11 de decembro
- Xornada 7: 22 de xaneiro
- Xornada 8: 29 de xaneiro
Con todo, a UEFA xa mandou un aviso para as e os impacientes: aínda que esta sexta feira se coñecerán os rivais de cada equipo, non será até o domingo, 31 de agosto, que se desvelen as datas e os horarios de cada partido. Unha medida que a Unión de Asociacións de Fútbol Europeas toma para evitar coincidencias de calendario con equipos da Champions League e da Conference League que xoguen nas mesmas cidades.