Celta e Dépor fechan un mercado moi intenso con novos reforzos e despedidas clave

Borja Iglesias e Ilaix Moriba, Yeremay Hernández e Ainhoa Marín. (Foto: RC Celta - Dépor - Deportivo Abanca)
O mercado de fichaxes de verán remata esta segunda feira deixando unha grande actividade nos principais clubs galegos. O Celta renovou a súa liña ofensiva con Moriba, Jutglà, Borja Iglesias e Bryan Zaragoza, mentres que o Dépor reforzou o bloque para loitar polo regreso a Primeira con numerosas fichaxes, cesións e vendas.

O fin do verán é sinónimo de 'volta ao cole’ e tamén do feche do mercado de fichaxes, malia que as competicións comezaran xa a mediados de agosto. Un mercado, coma de costume, movido, cheo de rumores, de sorpresas e mesmo con algunha decepción; non foi menos para os principais equipos galegos do fútbol profesional. O último en anunciar movementos foi onte o Dépor, coa saída de Martín Ochoa.

Os nomes do 'EuroCelta'

O ‘EuroCelta’ desta 2025-26 evidenciaba xa desde o final da pasada tempada a imperiosa necesidade de reforzar a portaría coa praza vacante que deixaba a saída –por fin de contrato– de Vicente Guaita. Malia que para o posto de gardameta celeste soaron nomes coma os de Iñaki Peña ou Arnau Tenas, o escollido foi un nome até entón descoñecido: Andrei Radu, porteiro romanés que chegou libre desde o Venezia.

Relación de altas e baixas no RC Celta durante o mercado de fichaxes do verán. (Datos: LaLiga / Infografía: Nós Diario)

A esa primeira chegada uníronselle nomes de grande ilusión para o celtismo, como Ilaix Moriba, que xa a pasada campaña xogara como cedido e un xogador ao que semella que Giráldez soubo atopar a tecla para sacar a súa mellor versión. Co mediocentro aclimatado a Vigo e cunha conexión perfecta co equipo, o corpo técnico e a afección, o club decidiu acometer a opción de compra pagando 6 millóns de euros ao Leipzig e incorporar Moriba até 2029.

Unha liña que o Celta buscou reforzar neste mercado foi a ofensiva e para iso chegou Ferran Jutglà, dianteiro catalán de 26 anos que asinou como celeste para as próximas 4 tempadas. Procedente do Brugge (Bélxica), o Celta pagou por facerse co xogador unha cantidade que rolda os 6 millóns, para un futbolista con gran mobilidade e olfacto no ataque e experiencia en competición europea.

Precisamente tamén para a liña ofensiva Giráldez priorizou o regreso a casa, xa como xogador celeste de pleno dereito, de Borja Iglesias, máximo goleador do Celta na pasada campaña con 11 goles. A presión exercida polo dianteiro compostelán foi clave na negociación co Betis para fechar finalmente a súa fichaxe por uns 2 millóns de euros.

A última incorporación foi tamén para a dianteira e, sen dúbida, unha das telenovelas do verán. A fichaxe estrela celeste deste mercado foi a chegada, en calidade de cedido con opción de compra, conforme a diferentes requisitos, de Bryan Zaragoza. O futbolista incorporouse á disciplina celeste logo de semanas de negociación entre o club e o Bayern München. Nos minutos disputados até o momento xa mostrou algo da maxia que sae das súas botas e que dará moitas alegrías a Balaídos.

E se o mercado foi movido no apartado de chegadas, non o foi menos no de saídas. Iker Losada rematou a súa cesión por parte do Betis; Guaita finalizaba contrato, como tamén Manquillo e Jailson. Alfon certificou a súa saída cara ao Sevilla e Fer López marchou ao Wolverhampton inglés, o que supuxo a perda da grande ilusión do celtismo, considerado por moitos sucesor de Aspas. Deixa 25 millóns de euros en varios prazos.

O Celta recuperaba tras cesión Unai Núñez, que marchou en préstamo ao Verona; Carles Pérez, cedido agora ao Aris Salónica; Manu Sánchez, que agora xogará no Levante; Dotor, prestado desta volta ao Málaga, e Aidoo, que volveu do Valladolid e non se lle atopou saída. O único retornado que semella convencer a Giráldez é Javi Rueda, tras o seu paso por Albacete, mostrando un gran nivel e moito perigo na zona de ataque.

O Celta fecha o mercado sen ter todas as tarefas feitas. Incapaz de dar saída a Cervi nin a Aidoo, as chegadas víronse limitadas polo exceso de xogadores e pola dificultade de cadrar o límite salarial. Con estes movementos, o Celta computou uns 51 millóns de euros en ingresos, mentres que o total de gastos rolda os 14 millóns.

Un Deportivo renovado que busca o ascenso

Relación de altas e baixas no RC Deportivo durante o mercado de fichaxes do verán. (Datos: LaLiga / Infografía: Nós Diario)

A 2025-26 é a tempada na que o Deportivo buscará o ansiado regreso á máxima competición estatal. O primeiro chanzo foi a chegada dun novo adestrador, Antonio Hidalgo, encargado de trazar o camiño do equipo cara á Primeira e substituíndo no cargo un Óscar Gilsanz que non acabou de convencer á directiva branquiazul o pasado curso.

Axiña chegaron os primeiros reforzos. Jairo Noriega chegou libre do Ourense CF e foi cedido ao Racing de Ferrol. Para reforzar o bloque incorporáronse Lucas Noubi (libre desde o Standard de Liège) e Arnau Comas (FC Basilea), aos que se sumaron máis tarde Miguel Loureiro (SD Huesca) e o lateral esquerdo italiano Giacomo Quagliata (Cremonese).

No centro do campo, o Dépor recuperou tras cesión Rubén López e sumou José Gragera (cedido polo Espanyol). Na liña alta, a fichaxe clave foi Luismi Cruz (CD Tenerife). Chegaron tamén, como cedidos, Samuele Mulattieri (Sassuolo) e Stoichkov (Granada CF), mentres que na portaría se incorporou Daniel Bachmann (Watford) e regresou Eric Puerto.

Ademais, volvían de cesión xogadores como Luis Chacón, Davo, Iano Simão, Raúl Alcaina e Pablo Muñoz; todos saíron novamente cedidos ou libres. Nas baixas destacaron as vendas de Iván Barbero ao Arouca, Hélton Leite ao Fortaleza e Pablo Vázquez ao Sporting de Xixón, e a cesión de Martín Ochoa ao CD Arenteiro.

Con estes datos, o Deportivo fecha o mercado con arredor de 700.000 euros en ingresos e uns 1,3 millóns en gastos, nun mercado no que, segundo a prensa lusa, rexeitou unha oferta próxima aos 30 millóns polo seu buque insignia, Yeremay, e no que se valeu da súa nova alianza co Penafiel luso para dar saída a varios dos descartes.

Importantes movementos na Coruña para consolidar o equipo na Liga F

O RC Deportivo busca consolidarse na Liga F, a máxima categoría do fútbol feminino, e para iso moveu tamén ficha neste mercado. Ayaka Noguchi (central), Elyse Bennett (dianteira), Patrícia Hmírova (extremo dereito), Ana de Teresa (dianteira), Blessing Nkor (dianteira) e Francisca Lara (lateral esquerdo) abandonaron o equipo branquiazul como axentes libres. Porén, o mercado foi moito máis completo no apartado de altas para as coruñesas. Como xogadoras de pleno dereito o Deportivo incorporou Elena Vázquez (defensa central de 17 anos, que sobe do filial ao primeiro equipo), Paula Monteagudo (mediocentro que tamén sobe do filial aos seus 23 anos), Olaya Enrique (mediocentro e axente libre procedente do Real Madrid B), Merle Barth (defensa que chega libre, procedente do Atlético de Madrid), Esperanza Pizarro (mediocentro libre, procedente do Eibar), Sara Extremera (lateral esquerdo, libre, desde o Real Madrid B) e Colette Cavanagh (defensa central que chega libre procedente do Celtic). Ademais, o Dépor suma en calidade de cedidas as chegadas de Inés Pereira (porteira do Everton), Marina Artero (defensa central do Athletic), Marisa (dianteira do Real Madrid B) e Rosalía Muiño (mediocentro do Atlético Villalonga).

Relación de altas e baixas do RC Deportivo feminino neste mercado de fichaxes que rematou este 1 de setembro. (Datos: Liga F / Infografía: Nós Diario)