O Celta dá un paso de xigante en Anoeta cun agónico triunfo ante a Real Sociedade
Comezaba esta terza feira a batalla por Europa en Anoeta con dous equipos en dinámicas ben distintas. Os locais, unha Real Sociedade duodécima na táboa, cunha mala xeira de resultados que os afastou da zona nobre e coa moral baixa logo de perder por goleada ante o Atlético de Madrid. O Celta –sétimo–, pola contra, coa máxima ilusión após derrotar o Sevilla malia xogar medio partido cun home menos.
Os vascos saltaban ao verde con Remiro na portaría; Traoré, Zubeldia, Elustondo e Muñoz na liña defensiva; Kubo pola banda dereita, Zubimendi e Marín no mediocampo, Gómez pola esquerda e, na dianteira, Oyarzabal e o mosense Brais Méndez acompañándoo. Pola súa parte, Giráldez, apostaba por Guaita baixo paus; Javi Rodríguez, Carlos e Ristic en defensa; Carreira e Mingueza nos carrís; Beltrán e Ilaix no centro do campo e, no tridente de ataque, Alfon, Borja Iglesias e Fer López.
A Real empezaba cunha presión moi alta e intensa, mais un grave fallo na súa defensa deixaba o celeste Iglesias só ante o porteiro, errando sorprendentemente no tiro. Os vascos seguían coa súa táctica habitual de presionar con moita intensidade e moi arriba a saída do balón cando a posesión era dos celestes e buscar construír desde a posesión, unha característica compartida polos dous conxuntos. Ao Celta, a presión da Real púñao incómodo no campo e impedíalle ter posesións longas como gustan a Giráldez, tentando construír a xogada tocando e desde atrás.
Mingueza, un dos alicerces do ataque olívico, erraba unha vez tras outra por mor dunha presión que, porén, nos primeiros minutos do partido tampouco daba froitos para pór a proba a Vicente Guaita.
A medida que pasaban os minutos, a Real semellaba baixar a intensidade da presión, imposíbel de manter os 90 minutos, e o Celta comezaba a xogar máis ao que quere Giráldez. Porén, a circulación do balón cortábase con repetidas faltas do conxunto de Imanol Alguacil, polas que o técnico porriñés reclamaba algún cartón. O Celta comezaba a atopar o seu ritmo e despois de moitos minutos e, pasada a media hora, Mingueza probaba sorte desde lonxe cun balón que acabou moi afastado da meta.
Ver un minuto continuado de xogo resultaba un milagre nun partido inzado de faltas, especialmente da Real, mais sen un só cartón amarelo nos primeiros intres malia as 10 faltas sinaladas ao conxunto vasco e as 4 ao galego. Cara ao descanso os locais reclamaron unha posíbel falta ao bordo da área sobre Kubo, mais o colexiado García Verdura tiña claro que non fora unha xogada puníbel.
O Celta cada vez estaba máis preto do gol... e chegou nunha contra na que Borja Iglesias puxo a pausa e acabou por regalar o tanto a Alfon, quen nun primeiro momento disparou ao corpo do porteiro donostiarra mais non perdoou no segundo tiro, cruzando un balón imposíbel para Remiro para estrear o marcador no minuto 44.
A Real buscaba reaccionar rápido e xa no engadido da primeira metade, nun bo centro a balón parado, tiña dispuña da última boa ocasión para empatar o partido, mais sen éxito, antes de marchar aos vestiarios.
Un agónico segundo tempo
Comezaba a segunda parte cos dous equipos presentando os mesmos onces que no inicio. A Real saltaba ao campo mostrando a súa présa por anotar e dar a volta ao partido, botándose arriba mais deixando tamén moitos ocos que posibilitaban a contra do Celta. Marín conseguía por fin un tiro a porta que a piques estivo de entrar logo de escapárselle das mans a Guaita despois de atallalo.
Buscando solucións, Imanol Alguacil introducía os primeiros trocos do encontro no minuto 61: Traoré, mancado, por Aramburu, e Sergio Gómez por Barrenetxea. Os vascos tiveron unha ocasión clarísima para anotar nun remate de cabeza de Oyarzabal que bateu no pau longo. Cada vez máis, a Real creaba perigo.
O Celta fixo o seu primeiro troco no 66. Pablo Durán entrou ao céspede para substituír Fer López, que non despregou a súa maxia habitual neste partido.
E a Real mostraba cada vez máis os dentes. O Celta quixo cambiar a situación introducindo tres trocos: Yoel Lago, Williot e Losada entraban por Borja Iglesias, Ristic e Alfon. Os vascos movían tamén o banco: Sucic e Javi López por Aihen e Brais Méndez.
O equipo local apertaba e achegábase cada vez máis, e con máis forza, á meta de Guaita, pero o Celta soubo sufrir. Con esta vitoria, nas cabezas de toda a afección celeste seguirá soando esta semana o xa recorrente "soño con voltar a Europa" que, xornada tras xornada, retumba nas bancadas de Balaídos.
Alfon González: "Estou feliz, déixame gozar da vitoria"
Unha vez concluído o encontro, o gran protagonista, Alfon, pasou polos micrófonos a pé de campo e non se fixo agardar a clásica pregunta sobre o seu futuro, que semella cada vez máis afastado de Vigo. "Estou feliz, déixame gozar da vitoria. O equipo fixo un traballo incríbel, vai moi ben, e iso é importante. Xogamos moi ben, é unha marabilla estar neste equipo", resolveu.