O Celta afronta contra o Famalicão luso o primeiro test da pretempada
O Celta dá comezo esta terza feira á pretempada (18 horas) co seu primeiro partido amigábel. Apenas unha semana despois do regreso aos adestramentos enfróntase ao Futebol Clube Famalicão –en sétima posición na Primeira Liga Portuguesa 2024-25– a porta fechada. Seguidamente, esta mesma semana continúan os partidos en Portugal, cunha disputa o sábado contra o Sporting Clube de Praga –cuarto clasificado da Liga Portuguesa–, no Estadio Municipal da mesma cidade.
Aos xogadores convocados por Claudio Giráldez para este inicio de curso sumaranse estreando camiseta celeste Andrei Radu e Ferrán Jutglà. Ademais, volven de cesión Javi Rueda, Unai Núñez, Joseph Aidoo e Manu Sánchez, os tres últimos pendentes de resolver o seu futuro.
Pola súa parte, o internacional coa selección española Óscar Mingueza incorporouse uns días despois á pretempada tras disputar a UEFA Nations League. Pola contra, rematan a súa vinculación co equipo por fin de cesión Borja Iglesias e Iker Losada, ambos do Betis, e así mesmo finalizaron o contrato Vicente Guaita, Jailson, Alfon, Miguel Rodríguez e Javier Manquillo, mentres Fer López saíu rumbo ao Wolverhampton.
Durante os tres primeiros días de xullo, coa volta á actividade despois das vacacións, dábase comezo xa á preparación previa ao traballo sobre o terreo de xogo a través das probas médicas na Clínica do Celta en Vigo. A partir do 4 comezaron tamén os adestramentos na Cidade Deportiva Afouteza, co que se completa a preparación para os amigábeis deste verán.
Nesta fase de preparación cara á nova tempada, os celestes perfilan a súa estrutura deportiva tamén a través do corpo técnico. Cambia o organigrama do Celta Fortuna polo ascenso do adestrador de porteiros, Gael Potti, ao primeiro equipo. Tamén Pablo Pérez Urtaza se incorpora como preparador físico. Ambos cunha sólida traxectoria e experiencia para reforzar o traballo diario da canteira de Claudio Giráldez.
A pretempada conta xa con outros 5 partidos, contemplando así a totalidade dos compromisos amigábeis do verán. O último confirmado foi o da terza feira 22, no que o equipo se enfrontará a porta fechada ao Clube Deportivo Nacional de Madeira –undécimo na Primeira Liga lusa– na Cidade Deportiva Afouteza ás 12 horas. Seguidamente, o sábado 26, ás 15.30 horas, xogará contra o VfB Stuttgart -15º clasificado na Bundesliga- no Stadion Kreuzeiche en Alemaña, o 29, ás 21 horas, contra o Grasshopper Club Zürich -décimo na Super Liga Suiza- no GC Campus de Zúrich, Suíza. No mes de agosto disputará contra o Vitória SC –sexto clasificado na Primeira Liga– no Estadio Dom Afonso Henriques de Guimarães, Portugal, o primeiro día do mes ás 21 horas, e contra os Wolverhampton Wanderers -16ª posición na Premier League- no Molineux Stadium de Inglaterra o sábado 9 ás 16 horas.
Un Wolves, de feito, que continúa facendo negocios co Celta mantendo a súa ponte de fichaxes e cesións. Este pasado 2 de xullo confirmouse o traspaso do dianteiro noruegués Jorgen Strand Larsen, tras xogar o curso pasado no Wolverhampton cedido –con opción de compra– polo Celta. E tamén se consolidou a venda de Fer López, que deixou a canteira celeste firmando por este mesmo club.
O Celta inicia esta terza feira así a pretempada coa intención de chegar nas mellores condicións ao inicio do novo curso 2025-26.