Carta aberta de Inés Rei á Coruña: "Queriamos ser sede do Mundial, pero non a calquera prezo"
A rexedora explicou nun comunicado nas súas redes sociais os motivos polos que Riazor non será sede do Mundial 2030, así como en que consistirá o acordo asinado entre o Consistorio e o Deportivo.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, publicou esta terza feira nas súas redes sociais unha carta aberta ás coruñesas e coruñeses para explicar os motivos que a levaron, xunto co presidente do Deportivo, Juan Carlos Escotet, a retirar a candidatura de Riazor como sede do Mundial 2030.
Rei salientou que A Coruña “é unha cidade con ambición”, motivo polo “aspiramos a ser unha das sedes do Mundial de Fútbol 2030”. Porén, a rexedora insistiu en que as decisións se deben tomar “pensando a longo prazo e no que verdadeiramente necesita a súa xente”.
A rexedora fixo fincapé en que “un evento como o Mundial implica importantes exixencias organizativas e de investimento en múltiples ámbito”, un escenario ante o que o Concello tiña “a responsabilidade de analizar con seriedade que era o mellor para A Coruña”.
“Queriamos ser sede do Mundial, pero non a calquera prezo. E sobre todo queriamos que calquera proxecto que impulsásemos estivese pensado para a cidade, para o seu futuro e para quen vive aquí día a día”, apuntou Rei.
Neste senso, após “dun diálogo” co Deportivo, o Concello tomou a “decisión responsábel” de non “continuar coa candidatura do Mundial e concentrar os nosos esforzos nun proxecto propio para A Coruña”. Unha decisión que, segundo afirmou a alcaldesa, vén ao ter en conta que “o Mundial sería un acontecemento importante durante uns días, mais o que acadamos é un proxecto pensado para décadas”.
A alcaldesa avanzou que o acordo asinado cos accionistas maioritarios do Real Club Deportivo impulsará a modernización do complexo deportivo de Riazor, abranguendo o estadio, o Palacio de Deportes e o conxunto da cidade deportiva. Aliás, informou de que este proxecto contará co apoio da Deputación da Coruña.
O acordo, segundo a rexedora, abre “un camiño de colaboración, de diálogo e de proxecto compartidos”, así como unha nova etapa na que o Concello e o Deportivo “traballaremos xuntos para construír un Riazor mellor e para impulsar un proxecto deportivo que beneficie ao club, á cidade e a todos os coruñeses e coruñesas”.
“Hoxe non fechamos unha porta. Hoxe abrimos unha nova etapa”, destacou por último Rei.