Vigo será a capital galega do atletismo de base esta fin de semana
A cidade de Vigo converterase durante esta fin de semana no foco de atención do atletismo galego de base coa disputa de dous campionatos nacionais. Hoxe e mañá as pistas de Balaídos reunirán máis de 700 atletas, en representación de 58 equipos, na disputa do campionato Xunta da Galiza de clubs Sub-10 e Sub-12. Nel participarán as entidades deportivas Adas Cupa (O Barco de Valdeorras), Atletismo Deza (Lalín), Celta Atletismo (Vigo) e CD Purísima (Ourense).
Xa na xornada do domingo, o mesmo escenario acollerá o campionato galego Sub-14 no que estarán presentes especialistas de varias modalidades na procura de bos rexistros e dos metais que se porán xogo.
Posíbeis medallas
Mañá, entre a relación de participantes que parten con posibilidades de medallas polas súas actuacións esta tempada en Sub-14, está Claudia Fraga, do Riazor A Coruña, que tomará parte tanto na proba dos 220 valos como na dos 80. Tamén figuran Sara Cabado e Diego Fernández, da Atlética Lucense, que encabezan a clasificación estatal nos 2.000 metros marcha.
Outra das atletas destacadas que estarán en Vigo será Lara López, do Ben Cho Shey, unha especialista que correrá os 150 metros. Xunto a ela outros nomes a ter en conta son os de Leandro Vidal, do Atletismo Negreira sobre os 500 metros; Lena Currás, do Vila de Cangas, nos 1.000 metros; así como Lía Núñez, da Atlética Lucense; e Sergio Silva, do Trega, sobre a distancia dos 2.000 metros.
Nos concursos, poderían acceder aos podios nomes como os de Ana Alvariño en altura, do Comesaña Sporting Club; Inés Muradas en pértega, do Celta Atletismo; e Asier Otero en lonxitude e triplo, do Lucus Caixa Rural.
Na modalidade de lanzamentos tamén hai varias promesas que destacan para o atletismo galego que confirmaron a súa presenza na cidade olívica. É o caso, en peso, de Antía Suárez (Club Atletismo Narón), e Alejandro Fernández (Club Atletismo Vila de Cangas). Tamén en xavelina, con Lena Currás (Club Atletismo Vila de Cangas), ou en martelo, con Sara Cañedo (Club Atletismo Narón). Por último, en lanzamento de disco e martelo salienta Mateo Seijo (Celta Atletismo) así como só en disco Daniel Seijas (CD San Cibrao).