Cantas sedes terá Galiza no Mundial de fútbol? Isto é o que di o presidente da RFEF
Rafael Louzán participou esta sexta feira nun coloquio do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, onde debullou a súa postura arredor do Mundial de fútbol que decorrerá en 2030.
O presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, expresou esta sexta feira o seu desexo de que Galiza "sexa sede do Mundial" de fútbol de 2030 e que se dupliquen o número de sedes no país.
Nun xantar-coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, Rafael Louzán puxo o foco no gran reto colectivo que supón a celebración do Mundial 2030, que o Estado español organizará xunto a Marrocos e Portugal, e que se celebrará en tres continentes distintos, xa que tamén hai encontros en Arxentina, Paraguai e Uruguai.
"Por diante temos un gran proxecto de país que é o Mundial 2030, que organizaremos xunto a cinco países en tres continentes distintos. Quero que Galiza sexa sede do Mundial, oxalá logremos dese modo duplicar o número de sedes galegas. Pero será decisión de FIFA, a condición de que se cumpran as condicións estabelecidas por este organismo, os requisitos básicos, que polo momento e, a pesar de voces no alto e titulares, están pendentes", sinalou.
A día de hoxe, entre os 11 estadios do Estado español que a federación elixiu como sedes candidatas do Mundial 2030 só figura Riazor. O campo coruñés recibiu unha puntuación de 10,8226 no ránking definitivo da candidatura, mentres que Balaídos obtivo 10,2004, ficando fóra da listaxe e sendo substituído por Anoeta, en Donostia.
O rexedor vigués, Abel Caballero, reclamou que se restitúa Balaídos como sede, cualificando a exclusión como "inexplicábel e posibelmente manipulada". O alcalde incluso chegou a presentar unha maqueta virtual da remodelación do Estadio vigués, que aínda non rematou a súa última reforma, para adaptalo aos requirimentos de aforo da FIFA.
Mais volvendo ao Círculo de Empresarios, o presidente da RFEF engadiu que esta cita mundialista representa unha gran oportunidade non só para o fútbol senón tamén para o conxunto da sociedade e o tecido económico. "Este momento será unha gran oportunidade para todos, para deixar un importante legado e, desde logo, para as empresas", manifestou.
Pola súa banda, a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás, lembrou que o deporte "é unha forma de construír comunidade, de inspirar as persoas e de xerar ilusión colectiva". Borrás destacou tamén a capacidade de Vigo "para acoller grandes eventos internacionais", e subliñou que tanto o deporte como a empresa "comparten unha mesma esencia: o traballo constante, a cooperación e a capacidade de transformar o esforzo en progreso".
O encontro, que contou cunha nutrida asistencia de representantes do ámbito empresarial, institucional e deportivo, enmárcase no programa de actividades do Círculo de Empresarios de Galicia, orientado a fomentar o diálogo e a colaboración entre os principais axentes económicos e sociais da comunidade.