A PREVIA | O campo a través galego darase cita este domingo na Pobra do Caramiñal

Probas Xogade en Poio. (Foto: FGA)
A praia de Cabío será o escenario de todas as probas do Campionato Xunta da Galiza Máster e do Memorial Alejandro Lorenzo. 

A Pobra do Caramiñal (O Barbanza) acollerá este domingo unha das probas de campo a través máis importantes do calendario galego. O Campionato Xunta da Galiza Máster e o Memorial Alejandro Lorenzo reunirán nese municipio máis dun milleiro de atletas na procura dun bo resultado, tanto no individual como no de clubs, nun circuito que decorre pola praia de Cabío.

As primeiras probas comezarán ás 10:30 da mañá e o Memorial sairá ás 13.4o horas. O percorrido da categoría Máster  en todas as súas modalidades é de algo máis de cinco quilómetros.

Durante as catro voltas ao circuito pobrense loitarán por un dos postos de honra atletas que xa conseguiron bos resultados na pasada edición realizada na Rúa e presentes nesta edición: Esteban Díaz, do Atletismo Narón (M-35); Jose Antonio Gude, do Lucus Caixa Rural (M-45); Teresa Castro, do At. Noia (F-55); José Suárez Leis, da SD Compostela (M-60); e Mari Carmen Rodríguez, tamén da SD Compostela (F-65).

Ao remate terán lugar as probas das categorías base Sub-10, Sub-12 e Sub-14. Nelas estarán presentes atletas de toda a Galiza, entre os que estarán as medallas Sub-14 dos Xogade da semana pasada en Poio (comarca de Pontevedra), Lia Núñez, da Atlética Lucense, e Sergio Silva, do Atletismo Trega.

Na categoría Sub-12, as olladas estarán en Lía Geralavicius, da Gimnástica, e Sergio Silva, do Trega. Ademais, non hai que esquecer que o ano pasado gañaron Alejandro Lorenzo na categoría inferior, e Mara Kruger xunta a Jesus García, ambos os dous do Madeiras Barcia Lourenzá.

A categoría Sub-10, pola súa parte, será a que estea, nun principio, máis aberta e disputada, polo que haberá que agardar ao remate da proba de 1.050 metros para coñocer os nomes  gañadores desta edición.