O Campionato da Galiza 3h Resistencia volve o domingo ao municipio de Muros
As inmediacións do campo de fútbol Agra da Filgueira de Louro, no municipio de Muros (comarca homónima), serán o escenario este próximo domingo, 23 de febreiro, do Campionato da Galiza 3h Resistencia, organizado polo Club Ciclista de Muros coa colaboración do Concello. A proba comezará ás 10 horas, competindo desde ciclistas da categoría cadete até a de Máster-60. É a cuarta edición dun desafío que o propio Concello agradece por asentarse entre as actividades deportivas que teñen lugar na localidade.
En xogo haberá tanto títulos individuais como tamén por parellas. A proba conta cun límite de 300 inscricións e o prazo remata hoxe. Ao feche desta edición había 240 solicitudes.
Espectacularidade do BTT
Na presentación deste campionato ciclista, o concelleiro de Deportes, Damián Torea García, recoñeceu que é "un evento importante que este ano pediu o Club Ciclista de Muros, co que estamos encantados de colaborar na súa organización" .
O campionato chega unha semana despois de que rematara en Narón (Ferrolterra) a Copa Galiza 3h Resistencia. Venceron Nerea Suárez e Brais Vázquez, en Júnior; Yaiza Vila e Adrián Caamaño, en Sub-23; Tamara Seijas e Roberto Freire, en Elite; Amira Simón e Samuel Baña, en Máster-30; Tamara Santos e Alberto Neira, en Máster-40; Manuel Rodríguez, en Máster-50; Manuel Bugallo, en Máster-60; Raquel Román e Raúl Cancelas, en parellas mixtas; Ángel Vilanova e Darío Otero, nas masculinas; e nos dúos cadetes Aroa Ferreño e Andrea Paz, Lía Rodríguez e Lucas Seijo, e Marco Núñez e Alberto Rial (Ribadumia). O título por equipos conquistouno o Xesteiras.