Bryan Zaragoza xa é celeste

Marián Mouriño e Bryan Zaragoza no momento de asinar o contrato esta cuarta feira en Vigo. (Foto: RC Celta)
O malagueño asinou esta cuarta feira en Vigo por unha tempada con opción a compra.

O Celta confirmou esta cuarta feira a través dun comunicado o acordo de cesión de Bryan Zaragoza por parte do Bayern de Múnic. O club tamén engadiu que o xogador estará "cedido con opción de compra". O xogador de 23 anos, internacional coa selección española, destaca segundo a entidade celeste "pola súa verticalidade, regate e capacidade para romper liñas, unhas calidades coas que se integrará no conxunto de Claudio Giráldez para afrontar esta ilusionante tempada na Europa League".

Zaragoza aterra en Vigo tras disputar a pasada tempada nas filas do Osasuna, onde acumulou 27 partidos oficiais na Liga. Formado nas categorías inferiores do CD Tiro Pichón e do Granada CF, a súa experiencia en Alemaña e en Iruña, unida ao seu paso goleador pola selección española, a entidade celeste considera que é "un xogador cun gran talento e proxección polivalente en ambas bandas, capaz de marcar diferenzas e achegar profundidade ao sistema celeste.

O malagueño chegou na terza feira a Galiza a través do aeroporto Rosalía de Castro da capital e deixouse ver coa afección na xornada previa a pasar o recoñecemento médico e asinar co Celta un contrato que, segundo transcendeu, sería en calidade de cedido por unha tempada con opción de compra. Nunhas primeiras declaracións á TVG, o andaluz asegurou que  "o bo faise agardar" ademais de sinalar que "coñece" a todo o equipo.

Javi Rodríguez

Tamén esta cuarta feira, o corpo médico do Celta informou da lesión de Javi Rodríguez producida por un golpe antonte no amigábel disputado en Suíza ante o Grasshopper. Segundo o parte facilitado polo club todo quedou nun susto.

O futbolista non terá que pasar polo quirófano e o seu diagnóstico apunta a unha fractura dos ósos propios do nariz aínda que sen desprazamento.