O Breogán estrearase na liga na sempre "intensa" cancha do Lleida
A liga comeza mañá para o Río Breogán. A nova aventura deportiva inicia a súa andaina cunha visita ao Hiopos Lleida (Pavelló Barris Nord, 21 horas), o primeiro compromiso serio da tempada para o equipo que dirixe Luis Casimiro. En terras catalás os lugueses estrearán novo proxecto co técnico que os salvou após chegar en substitución do croata Veljko Mrsic.
O club é consciente de que se trata da súa quinta campaña consecutiva e apostou forte para constituír un vestiario con garantías que ten na experiencia e na fortaleza física as súas principais armas.
Así, aos seis xogadores que xa formaban parte do equipo a tempada pasada (Dominik Mavra, Arturs Kurucs, Aleksandar Aranitovic, Jordan Sakho e Dragan Apic) engadiron outros sete: Dewayne Russell, Keandre Cook, Francis Alonso, Darío Dreznjak, Bakary Dibba, Danko Brankovic e Mihajlo Andric. Este último e Alonso xa contan con experiencia nesta competición polo que coñecen de primeira man o que se atoparán desde o sábado.
Os celestes presentan como aval ante a súa afección realizar unha boa pretempada na que tiveron ocasión de xogar oito partidos amigábeis conseguindo saír vitoriosos até en seis ocasións.
Casimiro e o rival
Esta quinta feira, na rolda de prensa previa ao inicio da liga, Casimiro eloxiou o seu primeiro rival e o equipo que ten para esta tempada. "O Lleida remodelou moito o equipo, reforzándose con xogadores con moita experiencia como é o caso de Melvin Ejim e Shurna no posto de catro", apuntou. "Logo mantén xogadores de moita anotación no perímetro e moito físico no xogo interior", engadiu.
Para o técnico castelán manchego un dos condicionantes do choque será a cancha do Lleida. Nela "o público aperta forte", unha circunstancia que precisará que os lugueses teñan "o máximo de nivel físico e de mentalidade para gañar".
Do técnico catalán rival, Gerard Encuentra, Casimiro considerou que "sendo un adestrador debutante na liga, o ano pasado fixo un moi bo traballo". Por iso, o responsábel do vestiario lugués lembrou que o Lleida "competiu ao máximo nivel en todos os partidos" e salientou que unha das súas maiores virtudes "é a intensidade coa que sempre xogan”.
Por iso pediu aos seus xogadores igualar esa "intensidade" que agarda do equipo catalán. Na comparecencia, ademais, informou de que se mantén a dúbida do base croata Dominik Mavra, lesionado no encontro de semifinal da Copa Galiza.
Retransmisión na TVG
A piques de comezar a competición estatal aínda non hai resposta á petición do BNG de que a TVG retransmita os partidos do Breogán. A deputada nacionalista no Parlamento galego, Olalla Rodil, anunciou en setembro que a súa formación presentaría unha serie de iniciativas para instar á cadea pública para que adquira os dereitos e emita os partidos do Río Breogán na ACB.
Rodil afirmara daquela que "a ninguén escapa a afección que se sente, non só no concello de Lugo, polo C.B. Breogán, a cidade e o conxunto da Galiza, por ter a sorte e o orgullo de contar cun equipo histórico que leva décadas no máis alto nivel de competición actuando, alén do deportivo, como embaixadora do noso país". Por iso demandaba as retransmisións en apoio ao seguimento da afección.