Borja Iglesias, sobre as protestas na Volta: "Sorpréndeme que deamos máis importancia a parar un evento deportivo que a un xenocidio"
Borja Iglesias, acompañado polo director de Fútbol do Celta, Marco Garcés, e polo conselleiro celeste, José Manuel Amoedo, compareceu esta quinta feira ante os medios na rolda de prensa a modo de presentación oficial despois da súa fichaxe polo Celta.
O compostelán valorou a súa volta e tamén a actualidade do equipo celeste ademais de non fuxir de opinar sobre temas de actualidade como foron e están a ser as protestas contra a Volta pola presenza dun equipo ciclista de Israel.
"Sorpréndeme que lle deamos máis importancia a parar un evento deportivo que a un xenocidio, por exemplo. É algo que non termino de entender moito", afirmou con rotundidade o dianteiro do equipo celeste. Neste sentido, o xogador afirmou ter "moi presente" o que está a suceder na Faixa de Gaza polo que entende que teñan lugar estas protestas.
"É algo que está moi presente na vida de todos. Somos moi conscientes da situación que estamos a vivir. Ás veces hai que pararse, reclamar algo que é obrigatorio, que son os dereitos humanos", considerou.
Feliz no Celta
"Estou moi feliz de estar aquí. Era o meu desexo e tamén o sentín por parte de todos os que representan ao Celta", asegurou con respecto á súa volta ao club celeste. Sobre a tardanza en resolverse coas diferenzas entre Celta e Real Betis, Borja Iglesias amosouse comprensivo.
"Si, estaba convencido, mais houbo momentos en que comprendín que a situación non era sinxela, que, como dicía Marco (Garcés), estabamos entre tres partes na negociación e que non é tan fácil chegar a un acordo".
Por último, 'o Panda' tivo palabras de agradecemento para toda a afección celeste que fixeron que entendese que "a comuñón entre as bancadas e o equipo é marabillosa".