Bebeto presenta a súa biografía autorizada na Coruña
A área 1906 do estadio de Riazor, na cidade da Coruña, acolleu esta cuarta feira a presentación da novidade editorial biográfica Bebeto, el hombre que acunó el gol (Agaxorde, 2025). O acto serviu para que o brasileiro visitase outra vez a cidade herculina e o campo onde celebrou tantos triunfos como xogador do Real Club Deportivo entre 1992 e 1996. Na presentación estiveron presentes, ademais do propio protagonista, un dos autores da obra, o xornalista Alexandre Centeno, e a alcaldesa do municipio, Inés Rei.
No libro, Centeno descobre José Roberto Gama de Oliveira, máis coñecido como Bebeto, desde a súa infancia en Baía (Brasil) até a súa consagración no Mundial de 1994 e a súa última gran cita en Francia 98. A obra conta cos testemuños de Romário, Zico, Dunga, os seus compañeiros do Superdépor –como Fran, Donato ou Mauro Silva, autor do epílogo– e da súa propia familia. Ademais, inclúe un artigo de Arsenio Iglesias publicado en 2002 sobre o que supuxo a figura de Bebeto para o Dépor.
A axenda completa
A axenda do ex xogador branquiazul continuou esta quinta feira pola mañá, a partir das 10 horas, cun encontro ante 200 escolares no Centro Ágora. Pola tarde, ás 16.30 horas, asistirá a unha única firma do seu libro nun centro comercial. Para rematar a súa visita á cidade herculina, Bebeto será tamén o encargado do prendido das luces de Nadal este sábado ás 19 horas e falará desde o balcón principal do Pazo municipal de María Pita.
A lenda deportivista non visitaba a cidade herculina desde o ano 2023, cando participou, xunto con Mauro Silva, nunha homenaxe conxunta que o club lles dedicou durante a realización do Trofeo Teresa Herrera en Riazor.