O atletismo de base ten unha cita esta fin de semana en Ourense
A instalación cuberta de Expourense, situada na cidade das Burgas, acollerá mañá a gran festa do atletismo de base no XII Trofeo Abanca, unha cita que fecha o ano deste deporte nas categorías inferiores.
Desde a Federación Galega de Atletismo (FGA) informan, a través dun comunicado, que nesta edición clasificáronse un total de dezasete equipos que achegarán máis de 700 atletas das categorías Sub-10, Sub-12 e Sub14. Esta cifra, polo seu volume e cantidade, pasa por ser unha das máis numerosas que teñen lugar no calendario oficial de probas da Federación.
Entre a relación de equipos participantes destaca a presenza do Club Asociación Deportiva Atlética do Sil (ADAS CUPA), o CD A Purísima de Ourense, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra e o Club Atletismo Narón que consiguiron clasificar un total de cinco equipos dos seis posíbeis.
O trofeo disputarase en dobre xornada. Comezará pola mañá, desde as 10:30 horas até as 14:10 horas, para as categorías Sub-10 e Sub-12. Pola tarde será o momento de presenciar as actuacións das Sub-14 que estarán en pista a partir das 16:30 e até as 20 horas.
Circuíto consolidado
Este circuíto de pista curta tivo os seus inicios no ano 2012, disputándose primeiro en modalidade individual, para logo dar daba paso. xa en 2014, ao formato por clubs que existe agora na actualidade.
Durante todos estes anos, tan só na edición de 2020 deixábase de disputar como consecuencia da pandemia da Covid-19. Sumando participacións e medallas desde os seus inicios, o Club Atletismo Vila de Cangas é o conxunto que máis títulos acumula neste trofeo, cun total de once. Séguelle o ADAS CUPA, con nove, e o Ourense Atletismo con oito.