O Atlético Guardés aposta pola renovación de Ania Ramos e María Sancha no equipo
O Atlético Guardés informou esta cuarta feira da renovación das palentinas Ania Ramos e Maria Sancha. No primeiro caso, a xogadora contará cunha terceira tempada no equipo da Sangriña após chegar procedente da División de Honra Ouro en 2023. A estremo esquerdo achega xuventude e velocidade, cunha boa actuación na cancha que demostran, desde o inicio desta campaña, un total de 25 goles. Isto malia terse perdido os partidos pola rotura de dous dedos na palma da man esquerda.
O debut de Ramos no equipo galego non deixou indiferente a ninguén e pronto converteuse nun dos novos talentos do cadro que adestra Ana Seabra.
A xogadora asegurou que se atopa “contenta” de que no Guardés “queiran contar comigo outro ano máis” e valorou a tempada actual do equipo como “incríbel”, indicando que “estamos a facelo xenial”. Neste sentido, indicou que “estamos a demostrar que somos un gran equipo, que estamos unidas” e tamén avanzou nos seus desexos para o próximo curso só agarda “que sigamos coa mesma dinámica que até agora”.
En primeira liña
Outra xogadora que continuará é María Sancha. Neste caso a súa será a quinta tempada vestindo a camiseta branquivermella. Con 23 anos, é un dos novos activos do Guardés. Desde a primeira liña, a palentina é unha das pezas chave para que o Guardés sosteña o título de mellor defensa da Liga Guerreiras.
Pola súa parte, María declarou sentirse coma na casa no equipo miñoto, onde ademais comparte vestiario con Ania Ramos, quen tamén renovou para o vindeiro curso. Ambas son amigas e veciñas da mesma comarca de Palencia, e foron compañeiras dende os seus comezos no deporte en varios clubs deportivos castelán leoneses. O Guardés asegúrase o mantemento dunha das súas parellas máis eficaces, querendo actuar ademais como fogar deportivo no que xogadoras novas poidan seguir desenvolvendo o seu potencial ao longo do tempo.
Sancha manifestou que se sinte “moi contenta e agradecida ao Guardés por contar comigo un ano máis e en canto ao curso actual valórao como “o mellor momento de toda a historia do Club e de nós como equipo”. Por último, a xogadora admitiu non pensar demasiado no futuro a longo prazo. Sancha cre que, polo de agora, “cada partido e cada fin de semana é importante, e estamos onde estamos porque demos valor a cada partido” Por todo isto, indica que a chave será “seguir traballando na liña na que estamos todo o equipo".