Así fica a carreira entre seis equipos polos postos europeos: o Celta parte con vantaxe

Jailson, esta terza feira, no adestramento. (Foto: RC Celta)
Só dous dos conxuntos lograrán o premio de xogar a competición continental.

O Girona e o Mallorca fecharon a xornada 34 da liga de fútbol masculina cunha vitoria dos cataláns pola mínima que favoreceu as opcións do Real Club Celta de disputar competición europea a próxima tempada.

Malia a derrota contra o Real Madrid, o Celta conservou a sétima praza da clasificación, a cal implica billete para a Europa League. O seu inmediato competidor, o Raio Vallecano, agora oitavo en posto para disputar Conference, fica a dous puntos.

O equipo de Vallecas gañou ao Xetafe nun derbi madrileño que resolveu cun único gol, e aproveitou as derrotas de Osasuna e Mallorca, así como o empate da Real Sociedade, para escalar tres postos e colarse na última praza da clasificación que outorga praza par xogar en Europa.

Así, Raio, Osasuna e Mallorca fican empatados e a tan só dous puntos do Celta. Por detrás, ségueos a Real Sociedade, a tres puntos do conxunto galego. Xa a máis dunha vitoria de diferenza fica o Valencia, a catro puntos do equipo celeste mais con posibilidade de Europa.

Desta maneira, seis escuadras xóganse dúas prazas para acceder a competición europea, sendo o Celta o equipo que leva a dianteira. Aínda que a diferenza, sobre todo a económica, é grande entre a Europa League e a Conference, o adestrador do conxunto vigués, Claudio Giráldez, manifestou o pasado sábado que "sería un soño" xogar calquera destas competicións.

Calendario complicado

O Celta comezará a carreira de catro xornadas pola competición continental como local contra o sempre complicado Sevilla. Logo tocará visitar un dos rivais directos, a Real Sociedade. Será outro destes equipos, o Raio, o que visitará Balaídos na penúltima xornada. E para rematar a liga, o equipo galego xogará en Xetafe, nun encontro que xa se anticipa de infarto.