Antonio Hidalgo, ex da SD Huesca, novo adestrador do Dépor
Antonio Hidalgo Morilla (1979, Granollers, Barcelona) é o adestrador escollido polo Deportivo da Coruña para dirixir o primeiro equipo masculino a próxima temporada. O técnico catalán incorpórase ao club "con plena convicción no proxecto deportivo, ilusionado por formar parte dunha etapa ambiciosa e compartida de crecemento".
Hidalgo chega por unha tempada mais con opción de ampliar o seu vínculo por unha campaña máis. Segundo salienta o RC Deportivo nun comunicado, o novo técnico destaca "pola súa capacidade para construír equipos sólidos e ordenados". Ademias, engade, é "un técnico adaptábel e meticuloso" que "soubo aplicar diferentes sistemas en función do perfil do seu cadro, combinando orde táctica con solucións ofensivas efectivas".
Andaina na SD Huesca
Na temporada 2023-24, o traballo de Hidalgo á fronte da SD Huesca converteu o equipo no menos goleado da categoría e o máis eficaz en accións a balón parado. Como adestrador, destaca polo seu liderado esixente, claro e próximo, cunha atención especial ao plano psicolóxico do xogador. Defende a fortaleza mental como factor decisivo no alto rendemento e traballa de forma activa en motivar o futbolista desde a confianza e o compromiso.
O novo técnico deportivista tamén sobresae por optimizar o rendemento dos cadros, como deixou patente na súa etapa na SD Huesca, co que nesta última temporada asinou unha xeira de 14 partidos consecutivos sen coñecer a derrota.
O RC Deportivo dá a benvida a Antonio Hidalgo, convencido de que "a súa experiencia, personalidade e visión reforzarán con forza o rumbo deportivo do club". O técnico comparecerá esta cuarta feira ás 11 horas ante os medios de comunicación no estadio de Riazor.