África Sempere volve do retiro para cubrir unha baixa no Guardés
África Sempere volverá do seu retiro para actuar como segunda pivote do Mecalia Atlético Guardés ante a ausencia de Cristina Cifuentes por lesión. Tras anunciar que concluía a súa carreira deportiva profesional a finais do pasado curso, a alacantina afincada na Guarda volve á que foi a súa casa durante oito anos para cubrir unha baixa que supón un duro golpe para o club, que esta mesma semana anunciaba a grave lesión que padeceu no nocello esquerdo Cristina Cifuentes, unha rotura de ligamentos con afectación a outros elementos importantes da articulación pola que deberá pasar por quirófano nas próximas semanas.
Os detalles da súa rehabilitación non se coñecerán até despois desa intervención, mais en calquera caso implicarán un período de recuperación de seis meses, o que afastará a pivote das pistas para todo o que resta da actual tempada 2025-26. É por iso que o club buscou unha solución que culminou coa volta de África Sempere, de 32 anos, quen anunciara a súa retirada do balonmán profesional ao termo do pasado curso.
Sempere, unha histórica do Atlético Guardés
Sempere conta cun amplo percorrido no Atlético Guardés e sumará desde agora a que será a súa novena tempada en total no conxunto miñoto. Chegou ao equipo en 2016 para acabarse alzando como unha das xogadoras máis destacadas dun Guardés que levantou aquel ano o seu único titulo de Liga até o momento, e seguiu cultivando éxitos até que decidiu volver á súa casa en Elche no ano 2021. Tras un curso en terras alacantinas, sacou do armario a camiseta do club galego en 2022 para vestila durante tres tempadas máis, nas que protagonizou outros fitos como o subcampionato da EHF European Cup de 2023 ou o liderado da liga regular logrado o ano pasado. Agora poderá competir de novo en Europa.