31 taekwondoins representarán a Galiza no Europeo de Tallin

Tres das integrantes da expedición. (Foto: Federación Galega de Taekwondo)
Competirán en técnica, freestyle e parapoomsae.

A Galiza estará representada no Campionato de Europa de técnica, freestyle e parapoomsae de Tallin (Estonia) por 31 taekwondoin e unha adestradora. Coma sempre, o obxectivo será plasmar no tapiz o duro traballo desenvolvido nos últimos meses. Hai que lembrar que entre a delegación galega figuran os campións de Europa 2023 en trío 1, Carlos Rey, Alejandro Losada e Marco García; ou Seung Han Shin, quen logrou o título de campión do mundo 2024, en trío 51-60; e o bronce mundial de Beatriz Queiró, xunto ao catalán José Manuel Marín en parella de máis de 60 anos.

O equipo galego xa está en Tallín. A competición desenvolverase en dous días (esta cuarta e a quinta feira, 16 e 17). Ademais, a gran novidade da edición do presente ano é que por primeira vez disputarase o europeo de parapoomsae. Francisco Rodríguez será o primeiro deportista galego de parapoomsae que participa nun Europeo na categoría p-21.

A representación galega está conformada en técnica por Hugo Arnoso, Mateo Fernández e Aitor Teijeiro (trío júnior masculino); Jessy Sun Shin Veiga (trío júnior feminino, con dúas deportistas doutra comunidade, Noa Zarate e Noa Campillo), por Aitor Teijeiro e Lucía Roca (parella júnior), Tomás Fernández (sénior 1), Laura Álvarez e Daniel Areán (parella 1), Carlos Rey, Alejandro Losada e Marco García  (trío 1); Begoña Veiga, Virginia Sixto e Elena González (trío 31-50); Seung Han Shin (trío 51-60, xunto ao catalán Antonio Moreno e o valenciano Bernardo), Esperanza Fernández (trío 51-60, con dúas compañeiras doutra comunidade), Bea Queiró (máster 3), e Bea Queiró e Manuel Sanmartín (parella +60).

En freestyle a representación corre a cargo de Nuria Rodríguez (-17), Ruben Galdó (+18), Pepe Soto e Nadia Blanco (parella –17), Tomas Fernández e Celia García  (parella +18), Nuria Rodríguez, Ana Llin Shin, Nadia Blanco, Lucas Yelo, Hugo Arnoso e Iván Pena (quinteto – 17); Ruben Galdó, Miguel Barreiro, Irea Abuin, Inés Abuín, Yaiza Velo e Pepe Soto (quinteto +18).  En parapoomsae, o participante galego vai ser Francisco Rodríguez (p-21).

Nunha recente entrevista en Nós Diario, Dani Areán e Laura Álvarez, campións estatais en poomsae, apuntaban á intención da representación galega de chegar neste Europeo "ao máis alto posíbel".