As 10 últimas fichaxes do Celta cumpren o patrón deseñado por Giráldez e Garcés
Claudio Giráldez e Marco Garcés levan dous anos traballando xuntos no Celta. Polo medio, o equipo vigués fixo dez fichaxes entre traspasos e cesións. Todos eles teñen o mesmo patrón, e é que o director deportivo e o adestrador teñen claras as características prioritarias coas que deben chegar a Vigo os novos xogadores. Ademais dese traballo previo, tamén contaron coa axuda dun Iago Aspas que foi peza importante en máis dunha contratación nas últimas tempadas. Coa súa retirada cada vez máis perto, o capitán de Moaña xa se encamiña cara á secretaría técnica.
O Celta tivo moito traballo durante o mes de xaneiro, dentro e fóra do campo. Sobre o verde, o equipo vigués disputou media ducia de partidos entre Liga e Europa League dos que saíu bastante ben parado. Nos despachos, o director deportivo e o seu equipo deron unha volta ao vestiario con até nove operacións entre chegadas, saídas e cambios de equipo dalgúns dos seus xogadores cedidos. O club acostumouse a ter mercados bastante axitados nos últimos tempos, aínda que teñen moito traballo adiantado grazas a que Claudio Giráldez e Marco Garcés traballan case sempre da man e teñen a folla de ruta adiantada. Non todos os xogadores que se poñen a tiro son válidos, e no Celta teñen claras algunhas características que deben ter os futbolistas que chegan a Vigo.
Para o adestrador do Porriño, a adaptación que poidan ter os xogadores ao seu estilo é moi importante e non pode dilatarse no tempo. Giráldez é consciente de que a súa forma de entender o fútbol é bastante diferente á que adoitan ter outros técnicos. Xa o recoñeceu Jutglà despois dunhas semanas en Vigo, cando sinalou que lle estaba custando entender e executar o que lle pedía o preparador galego. É por iso que Giráldez foi claro con Garcés hai pouco menos de dous anos, no verán de 2024, cando ambos enfilaban o seu primeiro mercado de fichaxes conxunto. Adestrador e director deportivo sentáronse ao rematar aquela tempada e estableceron as bases do que ía pasar nas seguintes xanelas de traspasos.
Aquel verán chegaron a Vigo tres xogadores: Borja Iglesias, Ilaix Moriba e Marcos Alonso. Era unha pequena mostra do que ía pasar posteriormente, pero os tres reunían as tres características que, dentro do club, consideran "prioritarias" á hora de lanzarse ao mercado. O trío, que hoxe aínda continúa en Vigo a pesar de que os dous primeiros chegaron inicialmente como cedidos, comparte idioma. Para Giráldez, a comunicación é un elemento transcendental no día a día e considera clave que os xogadores dominen a fala. Ilaix Moriba pasou moitos anos da súa xuventude en Barcelona e fala e entende español con total normalidade. Uns meses despois, durante o mercado de inverno de 2025, chegou foi Iker Losada.
Eses catro futbolistas tamén reúnen a segunda gran característica que busca o Celta cando sae á procura de reforzos: experiencia en Primeira División ou, no seu defecto, nunha liga similar, aínda que preferibelmente no Estado español. Para o adestrador e o director deportivo, o feito de que os futbolistas coñezan o campionato no que van xogar é terreo gañado. Saber o que poden esperar cando van a estadios tan diferentes como os do Raio Vallecano, Betis ou Real Madrid é importante. Tamén coñecer outros elementos como a arbitraxe ou a meteoroloxía. Todo o que se poida saber de antemán é terreo gañado á hora de adaptarse ao equipo o antes posíbel. A terceira cualidade é que as características do novo xogador non estean presentes en alguén do filial que poida dar o salto a curto prazo.
O pasado verán foi aínda máis movido que o de 2024. O Celta fechou as fichaxes de Borja Iglesias e Ilaix Moriba. Ademais, chegaron a Vigo Bryan Zaragoza (agora na Roma), Ferran Jutglà e Ionut Radu. Os dous primeiros xa sabían o que era xogar no Estado, mentres que o porteiro fixera boa parte da súa carreira deportiva en Italia, con pasos por Inglaterra e Francia. Non coñecía LaLiga, pero estaba habituado ao primeiro nivel europeo. Ademais —e é algo que sorprendeu e gustou moito a dirección deportiva—, falaba algo de castelán e entendíao bastante ben, algo que incluso mellorou nos seus primeiros meses en Vigo. Coñecer o idioma converteuno no candidato ideal para a portaría, xunto ao feito de terminar contrato e chegar a custe cero.
Agora, en xaneiro, chegaron Fer López, que xogou no Celta a tempada pasada; Álvaro Núñez, un dos futbolistas revelación do ano no Elche, e Matías Vecino, uruguaio con máis dunha década de experiencia na Serie A. Aínda que é certo que hai un nome nestes dous anos que saíu fóra deste patrón.
Jones El-Abdellaoui
Jones El-Abdellaoui foi a gran sorpresa de Marco Garcés en xaneiro de 2025. O xogador chegou desde o Valerenga noruegués. Non falaba castelán, non xogara no Estado español nin tiña experiencia nunha liga importante. O extremo marroquí é a excepción á folla de ruta deseñada. No Celta entenden que non poden fecharse a unha mesma idea e, se ven unha oportunidade de mercado —sobre todo con futbolistas moi novos que se poidan revalorizar—, farano. Ademais, hai que recordar que os seus primeiros seis meses na Galiza pasounos no filial para adaptarse ao idioma e ao país.
Iago Aspas
Un último elemento importante á hora de fichar é Iago Aspas. O canteirán de Moaña puxo o seu gran de area nalgunhas operacións para intentar convencer o xogador desexado. Ocorreu con Marcos Alonso, Borja Iglesias ou, máis recentemente, con Bryan Zaragoza. O actual capitán sabe que ten un posto na secretaría técnica cando decida colgar as botas.
O Celta quere asaltar os postos europeos ante o Espanyol
O Celta xoga hoxe un partido moi importante no seu obxectivo de clasificarse para disputar competicións europeas a próxima tempada. Sétimos en Liga, os vigueses visitan o Espanyol, sexto na clasificación, co desexo de traer os tres puntos a Vigo e, de paso, adiantar na táboa o seu rival. A boa nova para Claudio Giráldez é que a única baixa por lesión é a de Álvaro Núñez, polo que puido preparar con case todos os seus xogadores o partido. O adestrador do Porriño deixou fóra da convocatoria Franco Cervi, Yoel Lago eCarlos Domínguez, e Álvaro Núñez por lesión. Si levou a Hugo Sotelo, descarte a semana pasada.
O Espanyol de Manolo González non se lle deu especialmente ben ao Celta nos últimos tempos. Na primeira volta, os vigueses perderon na casa por un gol en propia portaría de Radu. Despois do asubío final houbo certa polémica polas declaracións de Giráldez na rolda de prensa. O galego pe-
diu perdón polas súas palabras, pero o adestrador dos cataláns non o superou e, de cando en vez, deixou algunha que outra declaración sobre o ocorrido en Vigo e sen ter partido ante o Celta nese momento.
“O importante é que nos gañaron os tres partidos desde que estou. Creo que cometemos erros ao interpretar declaracións. Temos que mellorar e insistir no que fixemos ben. Fixemos moitas cousas ben contra eles, pero non acertamos no importante. Tivemos evolución en situacións de control neses tres partidos. Eles acertaron máis e levaron os puntos”, apuntou Claudio Giráldez este 13 de febreiro.
A xornada pode ser propicia para os vigueses se conseguen a vitoria e chegan até o sexto posto. Os seus tres perseguidores en Liga xogan tamén fóra da casa e teñen partidos complicados: a Real Sociedade visita o Real Madrid e o Osasuna, o Elche. Ademais, se gaña ao Espanyol, igualará, como mínimo, o gol average particular cos cataláns, tendo o xeral moito máis favorábel.