Xoán Xosé Castaño, alcalde de Catoira: "A Romaría Vikinga é fundamental para dar a coñecer Catoira no mundo"
—Esta é a 65ª edición da Romaría Vikinga. Que significa para vostede chegar até aquí?
É unha edición moi especial. Non só porque son 65 anos de historia, senón porque é unha das poucas festas da comarca, e mesmo da Galiza, recoñecida de interese turístico internacional. E ten un valor engadido moi singular: non está vinculada a ningunha crenza relixiosa. A súa historia daría para escribir moito. Para nós, ten unha importancia capital, porque serve para dar a coñecer Catoira no mundo.
—Que impacto ten na vila?
Un impacto bestial, a todos os niveis. Cultural, turístico e tamén económico. Desde o ano pasado, cando a organizamos integramente desde o BNG, puxemos o foco en potenciar todos os aspectos da festa. Por exemplo, recuperamos o mercado tradicional vikingo, que o ano pasado contou con 22 postos e que nesta edición recibiu case o triplo de peticións. Iso ten unha repercusión directa na hostalaría, no comercio e no ambiente.
—Tamén ampliaron os días da celebración.
Antes a festa concentrábase nun par de días, e agora comeza a fin de semana anterior. O domingo 27 temos a segunda Copa Vikinga de fútbol gaélico no campo das Lombas, e tamén o segundo Torneo Viking Rise de xadrez o sábado 26 —unha colaboración cunha multinacional de videoxogos— e unha nova proba da Ruta Vikinga. O día 29 celebramos o Viking Film, e o 30 comeza o Viking Drama: tres días de teatro en directo, con actores e actrices de Catoira.
—Primeira vez con teatro ao vivo?
Si, por primeira vez sen dobraxe, sen gravacións. Iso supuxo moita tensión para o elenco, pero están a facer un traballo impresionante. Supón tamén un despregue técnico moito maior. Se xa destacaban pola súa calidade interpretativa, agora sumámoslle a forza da representación ao vivo.
—Algunha outra novidade?
Quixemos dar protagonismo á infancia. O día 5 será festivo local e organizamos o Desembarco Vikinguiño, unha actividade adaptada para os máis pequenos e pequenas. Este ano xa temos 100 inscritos. Adiantamos o horario para que todas as familias poidan participar.
—O xantar do día 2 segue a ser un dos momentos centrais?
Si, como sempre. E este ano con máis forza, porque vén xente de distintos puntos do Estado español. É unha mostra do prestixio que está alcanzando a Romaría, que xa traspasa fronteiras.
—Nesta edición destaca tamén Milladoiro. Que importancia ten?
Enorme. Milladoiro representa a música galega no mundo. Darán o pregón e actuarán o día 1. Para nós é unha honra, porque tres dos seus membros fundadores son de Catoira, e outros dous actuais tamén. Era máis que merecido, unha forma de recoñecer a súa traxectoria e de lembrar que Catoira tamén é cultura internacional.
—Como encadra a Romaría na acción cultural do Concello?
Os concertos, o teatro, o fútbol gaélico, os obradoiros... todo é en galego e con talento galego. Na Galiza temos unha potencia cultural impresionante, e Catoira está nesa liña.