A XLII Semana Galega de Filosofía conecta os individuos e a comida atendendo ao contexto

Alexandre Cendón, Eva María Lantarón, Miguel Anxo Fernández Lores e Rafael Domínguez, este 6 de abril. (Foto: Nós Diario)
A comida, a ditadura franquista ou o xenocidio palestino foron os principais temas que se abordaron na primeira xornada. 

Esta segunda feira, 6 de abril, deu comezo en Pontevedra unha nova edición da Semana Galega de Filosofía, a número 42, que leva como título 'Filosofía e alimento' . "A pesar das mudanzas e das vicisitudes que o transcurso da historia nos depare, porque logo de máis de 40 anos a motivación desta xuntanza sigue intacta e tamén a necesidade de ofrecer unha análise da realidade presenta desde os rudimentos da filosofía", apuntou o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, logo de agradecer as diferentes colaboracións institucionais que fan posíbel o evento, os relatores e relatoras e o público asistente. 

A historiadora Alba Díaz Geada foi a responsábel da primeira charla da tarde na que realizou un achegamento á transformación social que sufriu a sociedade rural galega do tempo da ditadura franquista e do cambio de réxime político, nunha dobre dimensión: desde a comunidade e desde a desigualdade.

Pola súa parte, Cendón apuntou á selección do epígrafe 'Filosofía e alimento' para reflexionar sobre o alimento como elemento fundamental da existencia humana, "como aquilo que nos nutre, como vínculo primario e fundamental entre os nosos corpos e o mundo exterior", máis tamén reivindicou a necesidade de "repensar a alimentación desde a súa conexión coa natureza e coa organización social, abordando cuestións como a soberanía alimentaria ou os sistemas de distribución, sen esquecer a dimensión simbólica e relacional do acto de comer, entendido tamén como un espazo de encontro, coidado e socialización".

Após as intervencións institucionais, que salientaron a importancia de espazos de pensamento crítico como a Semana, o sociólogo e crítico cultural arxentino Matías Bruera foi o encargado de abrir a xornada co seu relatorio 'O discreto encanto do devorante'. O autor de obras como 'Indicios para una fenomenología de la incorporación' (2025), propuxo unha reflexión filosófica e sociolóxica que transcende o mero consumo para entender a comida como un acto constitutivo do ser humano e da cultura.

Un dos eixos centrais da súa intervención foi a relación indisolúbel entre a palabra e a comida. O autor sostivo que o "verbo" e a alimentación son o exordio de toda cultura, acuñando o termo de que “os seres humanos somos, substancialmente, "verbívoros". Para o sociólogo, na orixe fúndense ingredientes e gramáticas, sinalando que "saber" e "sabor" non só están unidos etimoloxicamente, senón tamén na historia da sabedoría humana.

A conferencia tamén rendeu homenaxe ao cineasta Luis Buñuel, cunha influencia evidente xa desde o propio título do relatorio: 'O discreto encanto do devorante'. Bruera confesou que "entendín o significado sociolóxico da mesa non a través de teóricos como Bourdieu, senón analizando filmes como O discreto encanto da burguesía' que revela que a mesa non é só un moble, senón unha posta en escena e un ritual que impón pautas de comportamento civilizado", afirmou. 

A xornalista Teresa Aranguren foi a encargada de fechar a xornada de onte co relatorio 'A fame como arma de guerra: o caso de Gaza', no que analizou o proceso de exterminio do pobo palestino desde o que ela considera o seu inicio coa ocultación mediática da súa situación até a fame como última fase do xenocidio consentido e practicamente televisado.