DIRECTOR DE CINEMA

Xacio Baño: "Quedando en Galiza é como se fai país"

Xacio Baño

Ser e voltar non só é a peza coa que vén de ser premiado nun dos máis importante festivais de curtas do mundo. Para Xacio Baño, ser tamén é voltar. 

Xacio Baño vai a contracorrente. En tempos nos que se nos di que o futuro habita non só noutra dimensión temporal, senón tamén espacial, el aposta por ficar preto da xente que quere, coma o seu avó e a súa avoa, protagonistas da curta Ser e voltar. A peza, que estivo a piques de entrar nas nominacións dos Goya, vén agora de ser premiada no festival Clermont-Ferrand.

-A túa curta documental, Ser e voltar, está centrada no teu avó e na túa avoa. Ser é voltar? 

-Para min, é así. Ten relación coa miña familia. En tempos tan fastidiados, nos que non hai traballo e a xente emigra, aínda que haxa ofertas máis suculentas, e en teoría un porvir máis bo fóra, eu non podo marchar. Prefiro estar preto da miña familia. Non me dá a cabeza nin o corazón para marchar, aínda perdendo saídas laborais. A veces perder un pouco é gañar moito. Quedando en Galiza é como se fai país. Aínda que respecto moito o de emigrar e buscar o traballo fóra, eu non podo. Moita xente da miña carreira está traballando fóra por propia vontade, en Londres, en Francia... Eu non quero perder os últimos anos de vida dos meus avós por mellorar eu.

-Este ano participas no proceso de selección do Carballo Interplay, o Festival de Contidos On line organizado polo Concello de Carballo. Traballo arduo o proceso de selección, nonsi?

-Son da idea de que se ves cine, pensas en cine, comes vendo cine, ao final, gañas en experiencia e maneiras de ver, que che fan aprender. 

"Gústame moito o que acontece no novo cinema galego. É unha xeración de cineastas galegas que están facendo cousas interesantes. Non contaba ninguén que xente nova e non tan nova pase obras galegas polo mundo adiante". 

-Pódesme dicir algo do material que che vai chegando?

-Non (risos). Hai cousas moi boas. O ano pasado quedamos contentos co festival, e este ano coido que vai ser moito mellor. O de abrir o festival internacionalmente é toda unha aposta.

-Como vives o momento actual do audiovisual, coa crise do fondo?

-Eu non coñezo tempos anteriores. Se traballas e pos da túa parte, pódese intentar vivir, pero hai que pasar moitas horas. As televisións cada vez pechan máis portas, pagan menos, hai menos festivais, menos dotacións económica, non acaba de despegar de todo internet á hora de revertir en diñeiro aos creadores, pero a necesidade de contar historias está aí, e hai que seguir inténtándoo.

-Ti formas parte desa xeración do novo audiovisual galego...

-Gústame que me digan que son novo (risos) Do novo audiovisual galego si que son. Supoño que son da xeración do novo cinema galego. Hai xente que di que sente e tamén quen di que non. Mais non me gustan as etiquetas. Eu intento facer, con cada peza, algo distinto ao que anteriormente traballei. Non quero que me "encasille". Gústame moito o que acontece no novo cinema galego. É unha xeración de cineastas galegas que están facendo cousas interesantes. Non contaba ninguén que xente nova e non tan nova pase obras galegas polo mundo adiante. 

-Con motivo da recente edición dos Goya, tense dito que este foi un bo ano para o cinema estatal. E para o galego?

-Eu penso que o ano foi bo. O éxito de A Esmorga en Galicia é unha boa nova. Creo que Os fenómenos tamén merece moito a pena vela. Está Costa da Morte, de Lois Patiño, que vai polos cen festivais en todo o mundo. Hai outra longa que ganou no Festival Europeo de Sevilla, que aínda non está nos cinemas, Las altas presiones, de Ángel Santos. É un bo momento. Temos unha boa xeración. Neste grupo de novos cineastas galegos hai unha comunidade, unha comunicación entre eles, un compartir ideas e traballos... Se todos empurramos, ao final o barco móvese máis rápido.

-Fixeches xa varias curtas, premiadas e con moi boa acollida. Consegues vivir do teu traballo?

-A día de hoxe, si, vivo do que fago no audiovisual, que non son só curtas, senón tamén outras cousas, como algún traballo de encargo. Varios colegas meus, compañeiros e compañeiras, si que poden vivir das curtas. É como calquera traballo. Hai que dedicarse a el, darlle ao coco, vivir case para el.

-Como gañar cartos facendo curtas?

-Facendo curtas boas (risos). 

-Si?

-Hai curtas que gañan moitos cartos, conseguen premios, véndense a televisión, fan pases especiais... Non é o normal. O normal é que fagas unha curta, vaia a dez festivais e non gañes nada. Mais si que traballando duro e dándolle un bo enfoque á curta pódense conseguir cousas, e vivir algo dela.