Xa podes escoitar o novo disco de Vimbio, 'Comeza o Xogo'

Alex Arnoso, á esquerda, co resto de integrantes de Vimbio. (Foto: @uxoa)

O grupo vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico, que conta coas colaboracións de Hugo Guezeta e Nadie González.

A banda galega de Rap Metal, Vimbio, acaba de publicar o seu primeiro traballo discográfico de longa duración baixo o título de Comeza o Xogo. Este traballo é a carta de presentación dun grupo que, xogando con xéneros que van desde o Rap Metal ou Nu Metal até o Punk ou Hardcore, advirten que veñen para dar de que falar. Vimbio dá “comezo ao xogo” cun álbum de dez temas nos que destaca a colaboración de dous rapeiros referentes na escena galega como son Nadie González ou Hugo Guezeta, revivindo así para unha nova canción ao histórico grupo SonDaRúa. Tras o lanzamento dos sinxelos Comeza o Xogo, Eu non quero traballar, Troula, Cando ninguén nos vixía, Crise e Seres de luz, a banda publica o disco completo cos temas inéditos Combustíbel, Que parvo eres, Neste lugar e neste momento e Pajitas de Bambú; este último exercendo como a canción destacada do álbum.

Vimbio aposta por un disco autoeditado cunha composición e produción propia, amosando a súa capacidade para traballar letras con carácter e fondo, así como música e melodías con personalidade e autenticidade, dando como resultado final un traballo pulido, elaborado e frenético. Desta maneira, devolven a frescura a xéneros que viviron etapas de esplendor hai anos e que na actualidade non pasan por un auxe creativo e innovador importante.
 

Primeiras datas da xira

Co lanzamento do disco, Vimbio pon en marcha a súa xira homónima. Tras os seus primeiros concertos realizados o pasado ano, a banda encara o 2026 cunhas primeiras datas que terán lugar maioritariamente en salas galegas. Tras a festa de presentación do disco na sala JJ Copas (Ponteareas), o punto de partida terá lugar o próximo 7 de febreiro no Pub Gatos (Melide), e con ela confírmanse as datas para o 21 de febreiro na Casa das Crechas (Santiago de Compostela), o 14 de marzo no Centro Social Artàbria (Ferrol), o 18 de abril na sala Kominsky (Vigo), o 2 de maio na sala Mardi Gras (A Coruña) e, por último, o 4 de xullo no festival Muíños da Costeira (O Porriño). Estas serán as primeiras datas nas que a banda presentará en vivo o seu primeiro disco. As entradas para estes primeiros cinco concertos están xa á venda.