Vilagarcía volverá rir este ano con Festaclown do 18 ao 23 de agosto

Mai Clawn, o pasado ano. (Foto: Festaclown)
Acrobacias, compromiso e gargalladas para todas as idades.

Vilagarcía de Arousa (O Salnés) volverá converterse este verán nun grande escenario ao ar libre coa celebración dunha nova edición do Festaclown, do 18 ao 23 de agosto. Unha cita xa consolidada no panorama circense galego e estatal, cunha programación que aposta polo circo contemporáneo, o humor escénico e a inclusión social.

Nesta edición de 2025 participarán compañías de diferentes partes do mundo, como Circo Rojo (Colombia/Canarias), Cía A Tope (Arxentina) ou Abraham Arzate (México), xunto a agrupacións estatais e, principalmente, galegas como Bot Project, Marta Alonso Tejada, Henriko Circo, A Cova das Letras, Ghazafellos, Mago Teto, Garrapete Clown, entre outras.

O programa incluirá as seccións Animaclown, Superroquiños, Certame Festaclown, Mostra Festaclown e Apartado Social, con espectáculos diarios en espazos públicos como a Praza de Galiza, Praza da II República, Parque Miguel Hernández ou a Praza de Ravella. A cidadanía poderá participar no voto popular para escoller a súa proposta favorita do certame.

Un dos momentos máis destacados será a Gala por Palestina, organizada pola ONG Pallasos en Rebeldía, titulada Circo contra a barbarie. Nela participarán artistas como Mercedes Peón, Kote Malabar, Mago Teto, Marta Iglesias e Zirko Txosko, nunha unión de circo e denuncia social.

E é que, de feito, esta Edición xirará arredor de dous eixos: a música e o clown, por unha parte, e o compromiso e a solidariedade, por outra. A bandeira de Palestina, ademais, presidirá cada unha das carpas nas que decorrerán os espectáculos, así como o propio cartel do festival.

Durante seis días, Vilagarcía acollerá máis de 50 actividades que inclúen espectáculos, obradoiros, narración oral, concertos e animación nas rúas.