Vigo lembra Reboiras na mostra 'A semente de vencer'
A mostra estará exposta no espazo RíoLagares até o 12 de decembro de 18 a 20 horas
Esta terza feira abriu ao público no espazo cultural RíoLagares de Vigo a mostra A semente de vencer. 50 anos do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista, que lembra o asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia a mans da Policía española.
Na inauguración da mostra n acidade olívica, onde estará exposta até o próximo 12 de decembro, interviron Xesús Sanxoás, que repasou a participación de Moncho no nacionalismo desde mozo, os seus inicios sindicais e o seu paso á clandestinidade; Xesús Chaves, que recordou as loitas da clase traballadora en 1972 en Vigo e o apoio que Reboiras lle deu coa súa acción; o portavoz da comisión organizadora, Xesús Seixo, quen pediu pór en valor a valentía do dirixente nacionalista, e a comisaria da exposición, Vanesa Iglesias, quen explicou a motivación de cada unha das obras.
A mostra é unha iniciativa do comité organizador dos actos conmemorativos do 50 aniversario do seu asasinato, conformado por camaradas de Reboiras e polas fundacións Moncho Reboiras, Terra e Tempo de Estatutos Nacionalistas e Galiza Sempre. Moncho Reboiras tiña 25 anos cando foi asasinado na rúa que daquela se chamaba José Antonio Primo de Rivera e hoxe, rúa da Terra. Segundo o informe policial, os axentes encargados de detelo fixeron disparos ao aire –a versión habitual naquela altura– para "intimidalo". Pero tres daqueles "disparos ao aire" atravesáronlle as costas. Puido refuxiarse no portal do número 27, onde a policía non entrou até dúas horas máis tarde, despois de metrallar a entrada e lanzar gases lacrimóxenos, para atopar o cadáver desangrado daquel xa falecido militante nacionalista dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) e impulsor da autoorganización do pobo galego a nivel sindical, estudantil ou cultural.
A mostra estará exposta no espazo RíoLagares até o 12 de decembro de 18 a 20 horas.
Reboiras, Premio Mártires da Liberdade
A Asociación Cultural e Teatral 'Abril de Lume e Ferro' de Carral anunciou esta terza feira a entrega do Premio Mártires da Liberdade 2025 a Moncho Reboiras, en recoñecemento dos sentimentos que fixo agromar, as accións realizadas, as súas tarefas de liberdade e o seu compromiso pola Galiza. Un recoñecemento que será entregado o próximo 12 de decembro, coa presenza do seu irmán, Manolo Reboiras, e de representantes da Fundación Moncho Reboiras.