Do 22 a 25 de maio

A versión cinematográfica de 'Eroski Paraíso' de Chévere abrirá Cans

Imaxe da rodaxe de 'Eroski Paraíso', con Patricia de Lorenzo e Miguel de Lorenzo. Foto: Festival de Cans.

Dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, a versión cinematográfica de Eroski Paraíso, a celebrada obra teatral de Chévere, abrirá o Festival de Cans. Será a súa estrea mundial o 23 de maio. “Que a primicia de Eroski Paraíso sexa en Cans, con xente tan vinculada ao festival como Ron, Coira ou Chévere, é moi emotivo”, explicou o director do certame, Alfonso Pato.
 

Eroski Paraíso trata das mutacións dunha vila galega, simbolizadas na transformación dunha sala de festas en hipermercado. Teatro documento, protagonizado por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo e Cristina Iglesias, a súa transformación en filme “foi un reto”, segundo explicou Xesús Ron. “A peza queda nun terreo intermedio entre o teatro e o cinema puro”, comentou Jorge Coira.

 

Coira e Ron acompañaron a Pato esta quinta feira, na presentación dalgúns detalles de Cans, que decorrerá na parroquia do Porriño entre o 22 e o 25 de maio. Fernando Epelde, de alcume Chisme, escribiu a canción oficial, Falando de Cans. E Nikis Galicia encárgase da imaxe e da camisola oficial.

 

A partir da terza feira 9 de abril, as entradas da sección oficial estarán dispoñíbeis na tenda virtual do festival.