Veciñanza de Vigo reclama protexer o patrimonio industrial da cidade

Fábrica de Conservas Alfageme. (Foto: Concello de Vigo)
Unha iniciativa para salvar as antigas fábricas.

Un conxunto de asociacións e colectivos de Vigo presentaron a campaña “Beiramar da Xente” para que a factoría Alfageme de Bouzas, o complexo fabril de La Artística e o polígono industrial de Jacinto Benavente-Beiramar sexan declarados Bens de Interese Cultural (BIC). A petición xorde tras a aprobación do novo PXOM, que contempla a demolición parcial ou total dalgúns destes conxuntos, deixando sen protección parte do patrimonio industrial máis representativo da cidade.

A iniciativa, promovida por nove entidades locais, busca sumar sinaturas cidadás e adhesións de persoas do mundo da cultura. Segundo os colectivos, “o patrimonio industrial é o máis representativo que ten Vigo e este é un momento decisivo para mantelo”.

Alfageme, inaugurada en 1931, simboliza a modernización do sector conserveiro e albergou milleiros de mulleres. La Artística, fundada en 1910, destacou pola innovación metalgráfica e políticas sociais pioneiras para traballadoras. O polígono de Jacinto Benavente reflicte a evolución da pesca e das industrias auxiliares, combinando estilos arquitectónicos do rexionalismo ao brutalismo. A declaración como BIC permitiría conservar estes espazos e abrir portas a proxectos culturais, sociais e educativos.

Teatro Colón da Coruña

Na Coruña, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural alerta da ameaza á operatividade do Teatro Colón pola reforma dos Cantóns, que trasladará a parada de autobuses á rúa Manuel Casas. O acceso técnico do teatro quedará compartido con vehículos pesados, reducindo a súa funcionalidade, encarecendo producións e provocando fuxida de programación cara a outros espazos. Reclaman parar as obras, convocar unha xuntanza urxente cos responsables e implicar directamente á alcaldesa para protexer o prestixio cultural da cidade.