Novas claves para entender Rosalía: a USC presenta avances biográficos inéditos
A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago (USC) continúa a abrir vías de investigación arredor da figura da escritora. O vindeiro 11 de decembro, a Facultade de Filoloxía acollerá a I Xornada Avances na biografía de Rosalía de Castro, un encontro no que especialistas de referencia darán a coñecer novas informacións sobre etapas pouco estudadas da vida da autora, o seu papel como anfitrioa literaria e mesmo a historia do seu mausoleo.
A iniciativa insírese na liña aberta pola Cátedra a pasada primavera co seu primeiro simposio, centrado na biografía e nas bioficcións rosalianas, e busca profundar naquelas zonas de sombra que aínda persisten sobre a vida da creadora de Cantares Gallegos. A xornada será inaugurada polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e polo decano de Filoloxía, Elias Feijó Torres, acompañados polo director e a coordinadora da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade.
Os enigmas dos anos madrileños e o mausoleo de Rosalía
A sesión da mañá abrirase cun relatorio de Luis Miguel Fernández, que achegará novos datos sobre os anos madrileños de Rosalía de Castro entre 1856 e 1858, un período decisivo da súa formación literaria e vital. Pola súa parte, Xurxo Martínez abordará a historia do mausoleo da autora, situado en Bonaval, desfacendo mitos e contextualizando os procesos políticos e culturais ligados á súa construción.
O investigador Miguel Anxo Seixas completará o bloque cunha análise sobre o papel de Rosalía como anfitrioa e figura central no tecido cultural do século XIX, nunha intervención que incluíra mesmo curiosidades domésticas, como referencias a antigos receitarios.
O arquivo que está a cambiar o que sabiamos sobre Rosalía
A tarde estará dedicada integramente ao Arquivo rosaliano de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, legado á USC en 2024 por Xesús Alonso Montero e considerado xa un dos fondos documentais máis relevantes das últimas décadas para a investigación rosaliana. Conservado na Biblioteca Universitaria, o arquivo reúne perto de 500 volumes, cadernos de traballo, correspondencia, edicións raras, apuntamentos de arquivo e documentos que permiten revisar e completar a biografía da autora. Nel figuran materiais de especial valor, como referencias ao desaparecido artigo El codio ou notas cruciais sobre a relación coa nai e o contexto familiar de Rosalía.
Xesús Alonso Montero será o encargado de presentar este corpus documental na conferencia Informe bibliográfico sobre o Arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, nunha intervención introducida pola profesora Dolores Vilavedra. O profesor explicará as chaves de lectura deste fondo e o seu impacto nos estudos rosalianos, pois Ruiz de Ojeda foi quen de esclarecer cuestións centrais como a identidade do pai biolóxico da escritora —confirmada tras a publicación do testamento de José Martínez Viojo— ou a vocación teatral que Rosalía considerou nun primeiro momento.
A Cátedra mantén o compromiso de desenvolver de maneira bianual temas estratéxicos arredor da figura e da obra de Rosalía, prioritariamente aqueles relacionados coa súa biografía e cos avances documentais recentes.