"Temos que mudar de rumbo", manifesto da AELG sobre a vaga de lumes que afecta Galiza
A asociación de escritoras e escritores chama a mudar as "políticas destrutivas que maltratan o noso territorio".
Con motivo dos incendios que afectan boa parte da Galiza, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de compartir un manifesto no que chama a mudar "as políticas que fan do noso país unha mercadoría que se vende a pedazos a empresas foráneas".
Entre as e os asinantes do manifesto, titulado "Temos que mudar de rumbo", figuran xa nomes recoñecidos do tecido cultural e social galego como Ana Romaní, Anxo Angueira, Bernardo Máiz, Concha Losada, Margarita Ledo, María Xosé Bravo, Pepe Barro, Pilar García negro, Suso de Toro, Xurxo Lobato ou Yuri Carrazoni.
A asociación fai así un chamamento a reflexionar sobre as "políticas destrutivas que maltratan o noso territorio", non sen antes "escoitar a veciñanza dos concellos afectados" e "os traballadores que apagaron os lumes", que "foron desoídos pola Xunta e desprezadas as súas razóns".
Cando o lume sexa apagado, din, o país "ten que mudar de rumbo", conclúen, animando a quen o desexe a adherirse ao manifesto enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. A continuación podes consultar o texto completo.
Temos que mudar de rumbo
Cando o lume sexa apagado e se lle poda socorrer as persoas e familias prexudicadas e darlles conforto, o seguinte que debe facer a sociedade galega é dar homenaxe e, sobre todo, escoitar a veciñanza dos concellos tan afectados polo lume. E escoitar os traballadores que apagaron os lumes, que até agora non foron escoitados e, polo contrario, foron desoídos pola Xunta e desprezadas as súas razóns.
Cando o lume sexa apagado, todo o país, toda Galiza, ten que reflexionar sobre o camiño de desidia e destrución no que nos teñen desde hai anos. Temos que reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS QUE FAN DO NOSO PAÍS UNHA MERCADORÍA QUE SE VENDE A PEDAZOS A EMPRESAS FORÁNEAS. Reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS DESTRUTIVAS QUE MALTRATAN O NOSO TERRITORIO E DESTRÚEN AS NOSAS RIQUEZAS NATURAIS E O NOSO FUTURO.
Cando o lume sexa apagado, o noso país tense que ollar nun espello limpo e dicir en voz alta: “Non queremos seguir así, non podemos permitir que destrúan a nosa Terra, non podemos permitir que nos destrúan. Temos que mudar de rumbo.”