'Sycorax' de Lois Patiño na Quincena de Realizadores de Cannes
A curtametraxe de ficción Sycorax, do cineasta galego Lois Patiño (Lúa Vermella; Costa do morte) e do arxentino Matías Piñeiro (Isabella; La Princesa de Francia) vai participar na 53ª edición da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.
Deste modo, a estrea internacional do filme vai ter lugar no Théâtre Croisette o próximo 13 de xullo ás 14:45 horas.
Sycorax supón a primeira colaboración entre os directores e vai ter continuidade na longometraxe Ariel, que se vai rodar en 2022. Ambas as obras son adaptacións libres d’A tempestade de William Shakespeare.
Ambientado nas illas Açores e co gañador do Premio Goya Mauro Herce na dirección de fotografía, a curta céntrase na personaxe da bruxa Sycorax e nel “fúndense teatro e paisaxe”.
Segundo os dous cineastas, n'A tempestade “atopamos un cruce de camiños entre as nosas visións, que nos axudou a fundir texto e silencio, movemento e quietude, nunha proposta que nos axuda a definir o tipo de películas que rodaremos no futuro”.
“Con Sycorax”, engaden os directores, “recuperamos o texto clásico cun toque contemporáneo, que dilúe os límites da representación permitíndonos pór en cuestión a visión patriarcal dunha personaxe feminina sen voz, a nai de Calibán, a primeira bruxa que pisou a illa”.
Sycorax é unha coprodución entre España (Beli Martínez - Filmika Galaika) e Portugal (Rodrigo Areias - Bando à Parte), na que as actrices Agustina Muñoz, Diana Diegues e Susana Abreu interpretan as protagonistas.