'Sirat', de Oliver Laxe, seleccionada para a Competición Oficial de Cannes

Oliver Laxe o pasado mes de febreiro na Coruña. (Foto: Xurxo Lobato)
Romería, da catalá Carla Simón, rodada en Vigo o ano pasado, acompaña o filme do director galego na competición oficial.

A Competición Oficial de Cannes contará con dúas películas de produción galega, Sirat de Oliver Laxe, protagonizada por Sergi López, e Romería, de Carla Simón, filmada o ano pasado na cidade de Vigo.

Sirat, producida por El Deseo e Movistar, é a cuarta longametraxe de Laxe, protagonizada por Sergi López e Bruno Núñez, xunto a un grupo de actores non profesionais. A rodaxe desenvolveuse na primavera do ano pasado en Aragón e Marrocos.

Oliver Laxe durante a rodaxe de 'Sirat' xunto a Sergi López. ( Foto: Quim Vives / Movistar+)

"A vida retará os personaxes da película, poñeraos a proba de maneira radical e descarnada, obrigaraos a facerse as preguntas importantes, a mirar dentro, a buscar o sentido da vida, a sacar deles mesmos o máis belo que encerra a natureza humana. E vivirán aventuras extremas onde os límites entre a vida e a morte se desdebuxarán irremediabelmente", avanzara Oliver Laxe durante a posta en marcha da rodaxe.

Sirat conta a historia dun home e o seu fillo chegan a unha rave perdida no medio das áridas montañas do sur de Marrocos. Buscan alí a Mariña, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha destas festas. Empurrados polo destino, deciden seguir a un grupo de participantes na rave na procura dunha última festa que se celebrará no deserto, coa esperanza de atopar a mariña Mariña.

Sergi López e Bruno Núñez foron os escollidos polo director para guiar esta historia e "escenificar as convulsións que afectan o mundo do noso tempo, un tempo que nos está pedindo a todos mirar no noso interior", apuntou Laxe.

Memoria dos pais 

Romería é a terceira película da cineasta Carla Simón, despois de Estiu 1993 e Alcarràs. Con Romería, fecha o círculo. A historia filmouse na Galiza, onde viviron os pais biolóxicos da directora, mortos de sida cando a Simón era moi pequena. "É un tipo de triloxía das miñas familias", destacou a creadora durante a rodaxe do filme en Vigo, que se referiu á película como "un tipo de viaxe mística".

Ambientada fai vinte anos, unha moza catalá viaxa á Galiza para seguir a memoria do seu pai biolóxico, orixinario de Vigo, e da súa nai, que viviu moitos anos na cidade olívica. O alter ego de Carla Simón no filme é a debutante Llúcia Garcia, que a directora descubriu na rúa.