O sector da xestión e produción cultural homenaxea Madó Santos
A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (Agxpc) celebrou esta quinta feira no Pazo de Mariñán (Bergondo, comarca da Coruña) a gala de entrega dos primeiros Premios do Castro á Xestión Cultural Galega, nunha xornada de traballo onde o sector analizou os avances precisos para alcanzar “condicións dignas, xustas e respectuosas” para as persoas vinculadas a esta área. A asociación entregou o primeiro Premio do Castro a María Dolores Santos, 'Madó', en recoñecemento aos seus “case 37 anos, 36 menos uns meses” na coordinación das áreas de Cultura e Educación no Concello de Muros. Madó Santos recibiu o galardón con “orgullo” —explicou a Nós Diario— e coa emoción de saber “que pensaran en min como merecedora deste premio”.
O segredo do éxito de Madó Santos como xestora cultural entre 1987 e 2024 no concello de Muros foi, segundo dixo, “centrarme na xente, na comunidade”, con independencia das cores políticas dos distintos gobernos locais polos que pasou Muros nestes 37 anos. “A comunidade axudoume a blindar as programacións culturais ante os cambios políticos”, asegurou ao recoller o galardón que é unha homenaxe ao proxecto cultural e empresarial de Isaac Díaz Pardo, Carmen Arias. 'Mimina'; Luis e Maruxa Seoane “e por tantos e tantas outras que hoxe en día serían parte da profesión”.
Pola súa experiencia no sector, recoñece Madó Santos que “a profesión non está o suficientemente consolidada nin recoñecida”. Cos retos que a xestión cultural ten por diante, Santos achega o seu grao de experiencia asegurando que “nos territorios xa hai cultura, o noso labor como técnicas é a de facilitar que se desenvolva todo ese potencial e se protexa o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial”.
A peza que se lle entregou á premiada é un prato de cerámica creado pola artista Paula Pereira, inspirada nas mulleres que pintaba Isaac Díaz Pardo, neste caso con elementos de arte sobre a cabeza, que simbolizan “o espírito que guía a creación deste galardón”.
Xornada para actualizar e a xestión cultural
A entrega do Premio do Castro foi o colofón dunha xornada organizada pola Agpxc no Pazo de Mariñán, con tres palestras para “actualizar coñecementos, prácticas, recursos e recomendacións sobre distintos ámbitos da xestión cultural”. A xornada tamén dedicou unha sesión a explicar os obxectivos da “Enquisa a Profesionais da Xestión Cultural” que a asociación está realizando entre o sector coa colaboración da Deputación da Coruña. Agardan presentar en breve os resultados do que será o primeiro estudo con datos do sector a nivel galego.
A Agpxc presentou tamén o 'Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais' e o 'Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo', e a proposta 'Coidar de Nós: recursos e perspectivas laborais para a profesión', tocando temas como o recoñecemento profesional, a saúde e o benestar das persoas que sosteñen a actividade cultural nos seus territorios. Un proxecto inspirado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel da ONU e na Axenda 2030 que desembocará nos próximos meses na publicación dunha diagnose onde se recollerán “iniciativas inspiradoras e solucións prácticas”, destacaron desde a asociación. As xestoras culturais Andrea Barreira, Patricia Hermida e Serxio Lago impartiron os relatorios e a secretaria da Agpxc, Berta Álvarez Buylla Falces, analizou “desafíos” do sector como a precariedade, a división rural/urbana ou a igualdade de xénero.