Saen á luz novas descubertas en Armea, un xacemento chave da romanización
A campaña de escavacións deste verán en Armea, Allariz (comarca de Allariz-Maceda), comezou o 21 de xullo e prolongarase durante catro semanas, divididas en dúas quendas: dúas semanas en xullo e dúas máis en agosto. O proxecto, que leva xa 14 anos de actividade ininterrompida, está impulsado por un convenio pioneiro entre o Concello de Allariz e a Universidade de Vigo, grazas ao traballo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do Campus de Ourense, ao que se suman apoios da Deputación ourensá e da Xunta de Galiza.
Segundo explicou a Nós Diario a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo de Allariz, María López, trátase dun proxecto estratéxico para o municipio, non só pola súa relevancia científica, senón polo seu impacto identitario: “É unha forma de pór en valor o noso patrimonio, de traballar na preservación da nosa identidade”.
Armea é referente na investigación da romanización no noroeste peninsular
O xacemento de Armea sitúase na parroquia de Augas Santas e está considerado un referente na investigación da romanización no noroeste peninsular. En 2011, en Armea identificouse un importante núcleo urbano, un dos principais da Galiza entre os séculos I e III d.C. Na zona conflúen elementos únicos: a cripta da Santa Mariña, as Pioucas da Santa (pías escavadas na pedra con funcións aínda non totalmente aclaradas), os restos da cidade romana e, en anos recentes, a aparición de niveis castrexos, que viñeron confirmar unha fase de ocupación anterior á romana, pertencente á Idade do Ferro.
Alba Rodríguez, directora dos traballos arqueolóxicos, recoñece a Nós Diario que esta está sendo “unha das mellores primeiras semanas de todas as campañas que tivemos”. Segundo explica, “o grupo deste ano é excepcional, con moita motivación e unha gran capacidade de traballo. Ademais, as estruturas comezan a aparecer desde os primeiros días, algo que non sempre acontece”.
As escavacións no predio da atalaia están case finalizadas
Na campaña deste verán os traballos están a centrarse na parte leste do xacemento, a ampliación natural do complexo unha vez que as escavacións do predio da Atalaia están practicamente finalizadas.
Lugar de coñecemento e de identidade
Rodríguez destaca a importancia do xacemento como lugar de coñecemento e tamén de identidade: “A xente de Allariz sente Armea como algo propio. Iso facilita moito o traballo. Hai unha conexión co lugar e un interese real por saber máis. A arqueoloxía non é só escavar, é entender que somos, coñecelo, interpretalo e compartilo”.
Alba Rodríguez, directora da campaña: "A veciñanza de Allariz sente Armea como algo propio, e isto facilita moito o noso traballo"
A zona do predio da Atalaia, o Monte do Señoriño ou a Cripta da Santa forman parte dunha ruta arqueolóxica circular que se está a consolidar grazas ao esforzo conxunto de institucións, de profesionais e de voluntariado.
Neste sentido, unha das novidades máis significativas foi a publicación nunha prestixiosa revista científica do achado dun trilobite —un fósil mariño— nun contexto romano –o primeiro fósil de trilobite empregado como un amuleto polos romanos–, un feito insólito que puxo os focos da comunidade investigadora sobre Armea.
Unha experiencia para decenas de estudantes
“Cada campaña xera moita ilusión. Sempre estamos expectantes, e é marabilloso ver como rapaces e rapazas de toda Galiza —e mesmo doutros lugares— se achegan a Armea para formar parte desta experiencia”, afirma María López.
A edición deste ano conta con 24 prazas, para as que se recibiron máis de cen solicitudes, procedentes de universidades de todo o Estado (Barcelona, Madrid, Sevilla, Santiago, Vigo) e incluso de fóra, como a de Coimbra.
María López, concelleira de Turismo: "A escavación de Armea é tamén unha ferramenta de promoción da nosa identidade como pobo"
“Tentamos variar o grupo cada ano, pero moitos e moitas repiten na campaña. Iso fala moi ben do proxecto”, subliña Alba Rodríguez.
A xornada de portas abertas
Durante a xornada de portas abertas, o público visitante tivo ocasión de observar in situ o avance das escavacións, preguntar ao equipo e coñecer de perto o método arqueolóxico. A actividade tivo unha grande acollida e deixou claro que Armea non é só un xacemento: é un espazo vivo de memoria, de investigación e de encontro entre xeracións.
Uxía Nieves, estudante: “Sempre me interesou a arqueoloxía. Na Universidade é moi teórico e aquí podo aplicar o que aprendemos"
O Concello de Allariz continúa así a apostar por unha arqueoloxía que nos permite descubrir o noso pasado pero tamén construír presente e futuro a través do coñecemento. E como sinala a concelleira María López, “é tamén unha ferramenta de desenvolvemento local, de atracción turística e de promoción da nosa identidade como pobo”.
Armea, pouco a pouco, segue revelando os seus segredos. E cada verán é unha nova oportunidade para reconstruír a historia que nos fixo ser quen somos.
Allariz torna nunha escola práctica de arqueoloxía
A experiencia do estudantado que traballa en Armea non é só académica, senón tamén vital, como relata a Nós Diario Uxía Nieves, graduada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e participante na escavación: “Sempre me interesou a arqueoloxía, pero na universidade as materias son moi teóricas. Aquí podo aplicar o que aprendemos e vivir o traballo de campo. Convivimos todos nunha casa, xeramos vínculos máis alá da escavación. É un voluntariado sen remunerar, pero gañas moito en aprendizaxe e experiencia”.
Cada mañá, dous técnicos levan o grupo ao xacemento. O traballo organízase por zonas e con rotación de tarefas: escavación, rexistro fotográfico, xeolocalización, lavado e catalogación de material, entre outras. A tarde de mañá, por exemplo, está reservada para visitar o laboratorio da Universidade en Ourense, onde os voluntarios poden ver como se catalogan as pezas atopadas.
“Traballamos nunha vivenda castrexa, baixando nivel a nivel. Xa aparecen pezas de cerámica, algunhas con decoracións figurativas, trisqueis gravados en pedras de derrube, tabulae do tellado con formas interesantes… Hai moita riqueza material e tamén moito que aprender”, engade Nieves.