Máis

O legado de Risco no século XXI

Fachada do patio do edificio co monicreque e o cabezudo de Vicente Risco do pasado Entroido. (Foto: Fundación Vicente Risco)
Sempre está ben visitar Allariz, descubrir o seu casco histórico e achegarse a Fundación Vicente Risco.

Sempre está ben visitar Allariz, descubrir o seu casco histórico e achegarse a Fundación Vicente Risco. Esta antiga vivenda, que forma parte do caserío da vila dende a súa construción en 1850, converteuse na sede da Fundación Vicente Risco no ano 1996.

Dende a entrada principal pola rúa San Lourenzo, na sinxela e bela fachada de sillería de tres plantas con balcóns na primeira e corredor na segunda, chegamos a antiga adega convertida agora na zona de acollida con recepción e unha sala que acerca todas as facianas de Risco as persoas visitantes, ademais dun espazo multiusos que comunica coa rúa Castelao a través do xardín.

O xardín permítenos a vista completa da fachada interior

O xardín permítenos a vista completa da fachada posterior cunha ampla solaina no primeiro andar, magnífico escenario para concertos ou representacións teatrais, a que podemos acceder pola escaleira pétrea que parte do xardín. Excelente espazo para actividades ao aire libre cunha camelia que procura un pouco de sombra; tamén podemos desfrutar doutra árbore, esta de aceiro, escultura de Xurxo Oro Claro.

Outra sorpresa que garda o xardín é un alquerque nunha das pedras da medianeira oeste, sen dúbida reaproveitada.

Na planta primeira poderedes pasear polos escenarios de O porco de pé, a primeira novela contemporánea galega, sátira que radiografía o caciquismo de comezos do século XX. A sala contigua será a Sala Castelao e exporá os orixinais que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao realizou para a revista Nós e que forman parte dos fondos da Fundación.

O resto das estancias desta planta estanse convertendo nun recorrido polas contornas de Risco: a recreación do seu despacho, coa mesa e a cadeira, agasallo de Ramón Otero Pedrayo; anexo a este, un cuarto cos seus debuxos, recortes e figuriñas de miolo de pan. Ábrese o despacho a un salón e á sala do piano, que conservan o mobiliario orixinal.

O terceiro andar reservase a sala de Investigadores, tamén sala de xuntas do padroado, e aos arquivos, ademais das bibliotecas de Vicente e Antón Risco.

O percorrido  afonda  en todas as facetas da figura de Risco e o seu legado, co obxecto de achegar o coñecemento da súa personalidade, e a vixencia do seu pensamento e traballos neste século XXI.

A sede

O 12 de abril de 1995 constitúese a Fundación Vicente Risco, establecendo a súa sede na que foi casa familiar da muller de don Vicente, dona Carmen Fernández. Nesta bela e sinxela edificación de tres plantas custódianse os fondos documentais, bibliográficos e plásticos que pertenceron a Vicente Risco e aos seus fillos Antón e Cruz.

Da casa ao museo

A Fundación custodia un legado documental, bibliográfico e plástico fundamental para comprender a extraordinaria vida cultural, académica, social e política da Galiza da primeira metade do século XX. Fondos catalogados e dixitalizados a man das persoas investigadoras e musealizados para que calquera visitante desfrute da creatividade galega do momento.

Epicentro cultural

Dende hai mais dunha década a Fundación ofrece unha intensa e diversa programación na súa sede. O Curso de Música Antiga da Oficina Utricullarii dirixido por Paulo Gonçalves de outubro a xuño, ou o Ciclo de Música de Cámara, coordinado por Brais González, concertos de xoves promesas acompañados polo piano de dona Carmen Fernández. Exposicións, conferencias ou xornadas como as realizadas cada ano en colaboración co Consello da Cultura sobre algunha das facetas de Vicente Risco. Os Premios de Ciencias Sociais e de Novela Curta, coa publicación das obras premiadas, así como outras obras de interese co noso selo editorial Dr. Alveiros.