As Residencias Paraíso seleccionan oito propostas artísticas para este 2025
Aorganización das 9ª Residencias Paraíso -un programa anual de estadías artísticas para a danza e as artes vivas- anunciaron esta sexta feira as persoas e proxectos que participarán. Os nomes escollidos son Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña.
A comisión encargada da selección escolleu estes proxectos de entre 179 recibidos na convocatoria deste ano. As residencias desenvolveranse entre os meses de abril e de novembro nas instalacións do Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia (comarca do Ribeiro), a Casa da Cultura de Vimianzo (Terra de Soneira), a Casa da Cultura de Corcubión (comarca de Fisterra) e Pazo da Cultura de Narón (Ferrolterra).
Paralelamente, as artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela (comarca de Vigo).
Historia das residencias
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras. O programa tamén se estende fóra da Galiza na liña Cruceiros Paraíso colaborando con espazos internacionais.