A Real Academia Galega inaugura un espazo dixital dedicado a Begoña Caamaño: "Un tributo debido e oportuno"
A Real Academia Galega (RAG) inaugurou esta quinta fiera na súa páxina web o espazo 'Letras Galegas de Begoña Caamaño', que o presidente da institución, Henrique Monteagudo, cualificou como "un tributo debido e oportuno" á xornalista e escritora galega.
Tal e como trasladou a RAG, esta nova sección irase "nutrindo" con novos contidos divulgativos ao redor de Caamaño, a quen Ana Romaní, académica e amiga da xornalista, enxalzou pola súa "singular revisión dos mitos literarios".
Pola súa parte, Monteagudo destacou que Caamaño realizou unha "soberbia achega á literatura galega" e, por tanto, "confía" en que as Letras Galegas 2026 contribúan á "merecida difusión popular" da súa narrativa.
"A voz e a luz de Begoña Caamaño tinguirán de azul o Día das Letras Galegas 2026", subliñou o presidente da Real Academia Galega. Así mesmo, a sección dedicada á escritora tamén ofrece unha selección de fotos do seu arquivo persoal e de diversas fontes.
Serie de entrevistas e reportaxes
Do mesmo modo, a RAG dá inicio a unha serie de entrevistas e reportaxes sobre a xornalista, que inclúe unha conversación coa crítica literaria, María Xesús Nogueira, unha das primeiras expertas que profundou no estudo da narrativa de Caamaño.
"A súa primeira novela, 'Circe ou o pracer do azul (2009)', foi unha grata sorpresa innovadora", lembrou Xesús Nogueira, á vez que engadiu que na escritura da homenaxeada "hai toda unha arquitectura" que evidencia un "modelo moi sólido". Nesta liña, Ana Romaní definiu 'Circe ou o pracer do azul' como unha "novela da amizade, dos amores, tamén sobre o poder, os desexos e a esperanza, a posibilidade de cambio".
"Atenta lectora da realidade, audaz nas formulacións, vibrante no debate, sutil e delicada nas relacións persoais", definiu a académica ao incidir en que Caamaño posuía unha "magnética paixón vital de lúcida intelixencia e entregada determinación".