PuntoGal e Espiga colaboran para impulsar a creación de videoxogos en galego

Sesión de demostración (Foto: dominio.gal)

PuntoGal patrocinará O Demo Game Jam, unha iniciativa de Espiga para promover a creación de videoxogos en galego entre a mocidade.

PuntoGal e Espiga veñen de formalizar un convenio de colaboración polo que a entidade xestora do dominio .gal se converte en patrocinadora do proxecto O Demo Game Jam, unha iniciativa orientada á promoción da creatividade dixital entre a mocidade galega, desenvolvida pola cooperativa de xestión cultural Espiga. Unha cooperativa que naceu co obxectivo de impulsar proxectos innovadores no ámbito da educación, a creatividade e a divulgación cultural na Galiza.

Neste caso, a través deo Demo Game Jam búscase fomentar a creación de videoxogos entre a mocidade, promovendo o traballo colaborativo, o uso de ferramentas abertas e a incorporación da lingua e da cultura galega nos contidos dixitais. A iniciativa inclúe actividades en centros de ensino, a organización de encontros sobre videoxogos en distintas cidades galegas e a celebración dunha gala final no marco de Culturgal 2026.

No marco deste convenio con PuntoGal, desenvolveranse tamén diversas accións orientadas a reforzar o impacto do programa, como a organización de actividades educativas, a celebración de xornadas e encontros especializados e a promoción da participación no Demo Game Jam. Así mesmo, ambas entidades colaborarán na difusión das iniciativas, na promoción do uso do dominio .gal e na organización de eventos destacados.

Segundo sinalou Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, “grazas a este convenio reforzamos o noso compromiso co apoio a proxectos que promoven a lingua, a cultura e a innovación tecnolóxica en Galicia”. Pola súa parte, Mariña Soto, de Espiga, destacou que “este acordo permitirá a Espiga contar cun socio estratéxico para ampliar a visibilidade e o impacto do programa, reforzar a súa proxección no ámbito dixital e contribuír á difusión do galego entre novos públicos”.

Ambas entidades subliñan que este acordo supón un paso máis na construción de sinerxías entre cultura, educación e tecnoloxía, co obxectivo común de impulsar o talento novo e a creación en galego no ámbito dixital.