‘Pigarzos’: o novo sinxelo de Unto Vello que transporta o ouvinte ao no alto da serra do Suído

Bieito Pereira e Xabi Gómez. (Foto: Javier Ferreiro)

O dúo formado por Bieito Pereira e Xabi Gómez vén de publicar un novo tema do seu próximo traballo discográfico, Inmaterial. Unha peza que pon o foco na memoria e na herdanza da música tradicional.

Pigarzos é o título do novo sinxelo que o dúo de música tradicional Unto Vello vén de publicar, acompañado dun videoclip dirixido por Javier Ferreiro. Un tema foi recollido no alto da serra do Suído, onde, nunha xuntanza espontánea, as veciñas da contorna ían sucedendo xotas e muiñeiras mentres o baile se dispuña en roda.

O audiovisual, producido por Adela Otero, Seispés Producións Creativas e Unto Vello, é un canto á comunidade e á memoria, un transo que une o baile, a natureza e a herdanza das cantareiras.

Como adianto do seu próximo traballo discográfico, Inmaterial, a peza chega cunha imaxe creada pola artista Nébeda Piñeiro, responsábel do deseño e da ilustración da portada. A gravación e edición do debut discográfico de Unto Vello conta coa produción de Hevi (Laboratorio Soyuz), responsábel tamén da produción musical, gravación e mestura de Pigarzos. O disco recompilará os cantares recollidos por todo o país polo dúo, froito dun intenso labor de investigación e reinterpretación da música tradicional galega. 

Unto Vello convertendo o inmaterial en material

Unto Vello constrúe o seu repertorio a partir das recollidas de música tradicional galega realizadas polos seus integrantes, Bieito Pereira e Xabi Gómez, ás que aplican arranxos propios con instrumentación tradicional e voz. Neste primeiro ano de traxectoria, xa pasaron por escenarios como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, ademais de acadar un nomeamento como finalistas nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional.

O dúo estreará en directo o seu primeiro disco, Inmaterial, o domingo, 22 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Un concerto, para o que xa están as entradas esgotadas, concibido como un acto colectivo, no que os cantares recollidos por todo o país se transformarán, por unha noite, nun espazo compartido de encontro, memoria e celebración, convertendo o inmaterial en material.