Pesar polo falecemento da arqueóloga Branca García Fernández-Albalat
Doutora en Historia Antiga, arqueóloga e académica correspondente da Academia Galega da Língua Portuguesa, destacou polo seu labor investigador e divulgador arredor da cultura e da relixión celta galaica e lusitana.
A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP) expresou o seu profundo pesar polo falecemento da doutora en Historia Antiga e arqueóloga Branca García Fernández-Albalat, académica correspondente da institución. Fernández-Albalat faleceu esta noite na compaña dos seus seres máis próximos.
Especialista en Historia Antiga, Fernández-Albalat destacou polo seu labor investigador e divulgador arredor da cultura e da relixión celta galaica e lusitana. A súa traxectoria académica estivo vinculada a varias universidades galegas e portuguesas, como a USC, a Universidade do Minho, a Universidade do Porto e a UVigo, ao tempo que participou en numerosas escavacións arqueolóxicas e promoveu actividades fóra do marco institucional.
A AGLP salientou que acompañou a súa investigación arqueolóxica cun fondo interese polos estudos lingüísticos, e que o seu traballo constitúe unha achega fundamental para o coñecemento da historia propia e para o fortalecemento da identidade galega. A institución anunciou, ademais, que está a preparar a difusión da súa obra inédita.
"Haberá sempre motivo de gratitude e de honra polo seu contributo", expresou a Academia nun comunicado no que asegura que "a Terra da Eterna Xuventude agarda a súa chegada".
O acto fúnebre terá lugar esta segunda feira, 1 de setembro, ás 11 horas, nas Pompas Fúnebres da Coruña (praza da Palloza, 4), e ás 20 horas decorrerá o funeral na igrexa de Santiago da mesma cidade.