Orientalismo, celtismo, obsesión de Vicente Risco
Máis unha entrega da sección mensual na que cada mes escribe o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén, que nesta ocasión trata a influencia de oriente na Galiza e sobre Vicente Risco, “un engaiolado cos orientes”. Escribe ademais sobre as temáticas que avivan a fantasía que sustenta a base de tradicións orientais galegas. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario Sermos Galiza.
Neste noso Occidente temos como referente o Oriente clásico, por onde asoma a alborada. Dialéctica, filosofía que se envolve neste labirinto de pedra, onde a Omega se enfronta á Alfa ou un santo sartego cun santo berce. Velaquí tamén como, entre a Caótica Terra érguense ao Ceo Cósmico os cruceiros, coa Morte no anverso e a Maternidade no reverso, apoiados pola representación do Sol e da Lúa... Así que si, “orientarse” é buscar o camiño, o “Oriente”, tanto no senso xeográfico como tamén no histórico cultural. Pola contra “occidentalizarse” e seguir a moda de occidente, tendencia hoxe, cos seus vicios e virtudes, a pé de cada día.
Varias civilizacións orientais comparten principios comúns nos que prevalece o enigma, até hai pouco sumidas en ancestrais tradicións, fronte á inestabilidade occidental... Oriente é o berce da Historia Sagrada, do Paraíso Terreal, o Xardín do Edén, así pois como a psicodélica base de inspiración na arte.
Influencias
No Oriente do “Crecente Fértil”, o dos ríos Nilo, Tigris, Éufrates, Xordán, organizando o reparto das augas, naceu o Verbo, a palabra e con ela a Lei, as xerarquías de casta e rango, de sabios, os deuses e as relixións... e tanto que caracterizou influentes civilizacións, desde fins do século VI o islamismo fronte a xudeus máis antigos e cristiáns, cruzadas peregrinacións desde o Occidente por medio... Do século VI a.C. coñecemos o Kamasutra hindú, libro sobre os xeitos de facer o sexo; formámonos nas fantasías persas de As mil e unha noites, polas que soubemos de Aladino, da lámpada máxica, de alfombras voadoras, de Alibaba, de abracabras e outras maxias que, entre sedas, incensos, haréns, odaliscas, encantadores de serpes, magos e meigas, abrían o maxín ao infinito... Asuntos ampliados polas viaxes do diplomático de ascendencia galega Adolfo de Ribadeneyra, como un noso Chatoubriand, entre tantos, de Pierre Loti, a Salgari... atraídos polo imán e a tradición de Oriente.
[Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]