Oliver Laxe repasa a súa carreira na Real Academia Galega de Belas Artes

Oliver Laxe, esta terza feira, na Coruña. (Foto: Xurxo Lobato)
O cineasta inaugurou esta terza feira o ciclo Artistas Galegos. O autor e a súa  obra, unha actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos "Martes das Artes".

A Real Academia Galega de Belas Artes inaugurou esta terza feira o ciclo Artistas Galegos. O autor e a súa  obra, unha actividade coordinada por Xurxo Lobato e encadrada nos "Martes das Artes", nos que se coñece de primeira man a obra dos creadores galegos explicada por eles mesmos; saber o seu proceso creativo, as motivacións para crear ou a evolución da súa traxectoria.O cineasta Oliver Laxe iniciou a tempada cunha charla na que repsaou a súa traxectoria como director e como actor.

Laxe é un actor, director e guionista de cinema galego. Fillo de pais galegos, naceu en París en 1982. Cando tiña seis anos regresou con eles á Galiza.

Tras cursar estudos na Coruña e graduarse en Comunicación Audiovisual en Barcelona, trasládase a Londres, onde xunto con Enrique Aguilar rodou a curta E as chemineas decidiron escapar (2006). Logo trasladouse a Tánxer, onde rodou as Suena una trompeta, ahora veo otra cara (2007) e París (2008), coas que obtivo varios premios en certames cinematográficos. Alí creou o proxecto Dao Byed, un obradoiro cinematográfico para nenos pobres do Magreb. Desta experiencia, saíu a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns (2009), coa que gañou o premio FIPRESCI no Festival Internacional de Cine de Cannes 2010 e o Premio Revelación Chano Piñeiro á mellor dirección revelación nos Premios Mestre Mateo de 2010.

En 2016 rodou a longametraxe Mimosas, que se estreou tamén Festival de Cannes, onde conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica. O filme tamén lle valeu o Premio Mestre Mateo á mellor dirección.

En 2019, presentou no Festival de Cannes O que arde na sección "Un certain regard", a primeira vez que se presentaba unha película en galego nunha sección oficial. Gañou o Premio do Xurado.