O Norte Cinema Diverso reivindica a diversidade na creación audiovisual
A terceira edición do Festival Norte Cinema Diverso arranca esta quinta feira no Teatro Colón da Coruña, organizado pola asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o Concello da Coruña, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña. O festival contará este ano con 17 títulos e entregará á mellor curtametraxe o Premio Trini Falcés. Norte Cinema Diverso quere reivindicar así o legado desta muller trans coruñesa que encabezou en 1977 a primeira manifestación do Orgullo, decorrida en Barcelona.
En total serán tres longametraxes e catorce curtas, procedentes do Estado español, Polonia, México, Francia, Portugal, Arxentina, Ecuador e Galiza, representada con dúas obras: Ese lugar partido, da coruñesa Inés Pintor, e o documental El que no se agache, do allarizao Agustín Segura. Por outra parte, fóra de concurso, proxectarase a curtametraxe Memoria LGTBIQ+, da asociación Palestra e producida polo Concello da Coruña.
Norte Cinema Diverso desenvolveu nos últimos meses diferentes actividades en once institutos da Coruña e a súa contorna, coa proxección de curtas e coloquios co estudantado. O Festival comeza esta quinta feira e rematará o sábado cunha sesión matinal de balde para o visionado de curtametraxes no Teatro Colón. A gala de clausura será ese mesmo día ás 21 horas coa entrega do premio á mellor curtametraxe deste ano e a proxección da longametraxe Alguien que cuide de mi.
A curtametraxe gañadora da primeira edición do Norte Cinema Diverso foi Una dedicatoria a lo bestia, de Nucbeade. En 2024 premiouse a curta portuguesa Um caroço de Abacate, de Ary Zara, e este ano 11 obras optan ao tradicional zoco da diversidade deseñado pola artesá Elena Ferro e que agora se rebautiza como premio Trini Falcés.