Netflix compra Warner Bros por 82.700 millóns e camiña cara á hexemonía do entretemento audiovisual

Logos de plataformas audiovisuais. (Foto: Europa Press)

A operación, que se completará tras a segregación de Discovery Global en 2026, integrará HBO, HBO Max e os estudos de cinema e televisión de Warner Bros. baixo o paraugas da plataforma líder do streaming.

Netflix sorprendeu esta sexta feira cun anuncio que marca un antes e un despois na industria audiovisual: a compañía adquirirá Warner Bros., incluíndo os seus estudos de cinema e televisión, así como HBO e HBO Max, nunha operación valorada en 82.700 millóns de dólares (72.000 millóns en valor de capitalización). Será a compra máis grande da historia do sector do entretemento.

A transacción —en efectivo e accións— chegará a fecharse despois de que Warner Bros. Discovery (WBD) complete a separación da súa división de cadeas globais, Discovery Global, cuxo proceso rematará previsibelmente no terceiro trimestre de 2026.

A combinación fusionará a capacidade tecnolóxica e o alcance global de Netflix co enorme catálogo histórico de Warner Bros., propietario de sagas como Harry Potter, DC Universe, Game of Thrones, The Sopranos, Friends ou O Mago de Oz. Todo isto pasará a convivir con éxitos da plataforma como Stranger Things, La Casa de Papel, Bridgerton ou Squid Game.

Ted Sarandos: "Esta alianza axúdanos a entreter o mundo aínda mellor"

"Ao xuntar o catálogo extraordinario de Warner Bros. cos nosos títulos clave poderemos entreter o mundo aínda mellor e definir o próximo século de narrativas", afirmou Ted Sarandos, co-CEO de Netflix.

Greg Peters, tamén co-CEO, destacou que a fusión "acelerará o negocio durante décadas, ampliará a capacidade produtiva nos EUA e reforzará o investimento en contidos orixinais".

Pola banda de Warner Bros. Discovery, David Zaslav, presidente e CEO, subliñou que o acordo une "dúas das maiores compañías de narración do mundo", e garante que as súas historias "cheguen a máis xente, durante moitas xeracións".

Que implica a operación?

Segundo ambas as partes, a adquisición implicará:

  • Máis catálogo e máis valor para as usuarias e os usuarios, ao sumar HBO, HBO Max e centos de miles de horas de cinema e televisión.
  • Mantemento da operación actual de Warner Bros., incluída a estrea en salas de cinema.
  • Expansión do modelo de produción e máis investimento en contidos, xerando emprego e reforzando o ecosistema audiovisual.
  • Novas oportunidades para a comunidade creativa, grazas ao acceso a franquías emblemáticas e á audiencia global de Netflix.
  • Importantes sinerxías económicas, estimadas en 2.000–3.000 millóns anuais de aforro a partir do terceiro ano.

Netflix prevé que a transacción aumente o beneficio por acción (GAAP EPS) a partir do segundo ano.

Un acordo que redefine o mapa global do entretemento

Cando a adquisición se complete —entre 12 e 18 meses—, o sector audiovisual mundial entrará nun novo escenario no que Netflix pasará de ser un distribuidor global a converterse nun dos maiores conglomerados de produción, xunto a Disney e Universal.

A nova compañía combinará unha plataforma con máis de 260 millóns subscricións, algunhas das franquías máis valiosas da historia; unha das maiores capacidades produtivas dos EUA, e un dos maiores motores de monetización de contido do mundo.

A operación tamén deixa fóra da compra a división Discovery Global, que incluirá CNN, TNT Sports e Discovery Channel, entre outras marcas, e que pasará a operar como empresa independente.