"Nada que celebrar": a veciñanza de Palas de Rei suma unha vella demanda á súa lista de reivindicacións
Visitas guiadas, contacontos, recoñecementos e agasallos para as máis lectoras... Cada 11 de xaneiro é habitual que as bibliotecas públicas, dependentes da Xunta da Galiza e tamén as municipais abran as súas portas para celebrar o Día das e dos usuarias da biblioteca.
Unha efeméride que a veciñanza de Palas de Rei, na comarca da Ulloa, aproveitou para reclamar un servizo co que non contan desde hai dous anos, malia a promesa de adecuación dun novo local para a reapertura da biblioteca municipal. "No Centro Comarcal de Palas de Rei leva case un ano un cartel que anuncia: 'Adecuación de local para biblioteca e aula de informática' e xa van máis de dous anos que o noso Concello carece de Biblioteca pública".
Este feche prolongado animou algúns membros de colectivos sociais e culturais a chamar a atención da veciñanza e mais tamén dos responsábeis do Goberno local. "Hoxe [sábado, 11 de xaneiro] conmemórase o día dos usuarios de bibliotecas, pero en Palas non temos nada que celebrar". Para espertar a curiosidade entre a xente da localidade e talvez obrar "unha sorte de milagre", decidiron colocar uns libros e acender unhas candeas no peitoril dunha das fiestras do Centro Comarcal no que aínda non comezaron as obras de acondicionamento.
60.000 euros de investimento
O proxecto de mellora do edificio, chamado a albergar a biblioteca no primeiro andar e a aula de novas tecnoloxías no segundo, requirirá un investimento, segundo as estimacións avanzadas polo rexedor municipal, Pablo Taboada, hai un ano, duns 60.000 euros para os que xa entón solicitara varias subvencións.
Non é a primeira vez que a veciñanza de Palas se mobiliza para reclamar unha biblioteca pública que dea servizo ao concello. Tras o fechamento da antiga biblioteca situada no edificio da Cámara Agraria, que pasou a ser ocupado pola oficina de Correos, a solución temporal dun servizo de ludoteca nun local do Concello en colaboración co colexio da localidade non abonda para atender as demandas lectoras e culturais da poboación, e mesmo chegaron a regalar libro na feira para reclamar un servizo digno.
"En pleno continente Europeo, no chamado primeiro mundo, no século XXI, no ano 2025, un Concello de máis de tres mil habitantes que non ten Biblioteca Pública... por que?", preguntan. Unha vella reivindicación que manteñen viva ao tempo que resisten na súa oposición á celulosa de Altri.