Nace a Comisión O Castro para defender o Museo Carlos Maside e o legado de Díaz Pardo e Seoane

Exterior do Museo Carlos Maside, deseñado por Andrés Fernández-Albalat. (Foto: isaacdiazpardo.gal)

Unha ampla plataforma de entidades e persoas vén de constituír a Comisión O Castro para velar polo coidado, a actividade e o pleno funcionamento do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, declarado BIC en 2025, e para reivindicar o legado cultural de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

A Comisión do Castro vén de constituírse para defender e loitar polo coidado, a actividade e o total funcionamento do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, en Sada (comarca da Coruña), declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2025.

O espazo, situado nun edificio ao carón de Sargadelos, en Castro de Samoedo, xurdía en 1970 ante a necesidade de recoller a obra e a documentación de artistas da xeración dos anos 30. Agora, esta Comisión, organizada e coordinada por Iria Friné Rivera Vázquez, denuncia o “nulo interese” do Goberno por atendelo e por tratalo como "o museo con valor patrimonial que é".

"A Comisión do Castro xurdiu a partir das xuntanzas que tiveron lugar en xullo tras apreciar como se levou todo o relacionado co museo tras a súa declaración como BIC o ano pasado, e a inactividade á que ía conducir todo, pois non se preparou ningunha programación  nin ningún un proceso de restauración nin de conservación tras esta declaración”, explica Iria Friné a Nós Diario.

“Queremos sinalar e impulsar o museo como se merece”, engade. A situación actual do museo, reitera Friné, "non é demasiado satisfactoria". “A nivel arquitectónico precisa restauración de pintura no seu interior, de fiestras novas e dun  novo clima, entre outras cuestións. Alí hai documentación histórica que necesita o trato e o coidado correspondente, porque son obras escultóricas, pictóricas, cartas, fotografías e moito máis contido que non pode estar nun edificio fechado sen recibir os seus coidados”, explica.

“Sábese que é un museo e que precisa dun trato especial para que funcione como tal”, engade a organizadora e coordinadora da Comisión do Castro. Desde a súa posición, Iria Friné afirma que “a xente está apoiando moito a iniciativa”, algo que se fixo notábel nas “xuntanzas que tiveron lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda”.

“A xente quixo organizarse desde o primeiro momento para levar a cabo todo este proceso, pois temos claro que como cidadáns non temos que atoparnos ben mentres o noso patrimonio está mal coidado”, di. “Tampouco temos que baixar o noso nivel para adecuarnos a un maltrato do patrimonio por descoido, por indiferenza, por desinterese ou por desprezo, non temos que aguantar iso e esa é precisamente a nosa motivación para seguir adiante con esta Comisión: o noso patrimonio é a nosa voz e a nosa voz é o noso patrimonio”, continúa.

Friné Rivera recorda que “o apoio está aberto a todo o mundo". Todo está exposto na páxina de recuperación da memoria histórica da Deputación da Coruña: "Calquera persoa ou entidade que queira asinar é benvida, pois nós non nos sentimos representados con esa actitude ante un patrimonio que é de todos e de todas”. “Temos que vertebrar ese espírito que temos de coidar ese patrimonio tan valioso e que tanto nos representa”, reitera.

Con esta iniciativa, os e as participantes buscan velar polo coidado, a actividade e o pleno funcionamento do edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, no que se recollen os legados de relevantes figuras culturais da Galiza como Isaac Díaz Pardo ou Luís Seoane, entre moitos outros e outras. Un museo que, tras ser declarado BIC o pasado ano, "está desatendido" polo Goberno, caendo no risco de "perder o noso patrimonio cultural como país".